Wednesday 08 de January de 2025

O Campo da Leña acolle este domingo o primeiro mercado ecolóxico municipal deste ano 2025, con obradoiros infantís e contacontos


A concelleira de Emprego, Comercio e Mercados, Diana Cabanas, convidou a cidadanía a participar na programación prevista, que se desenvolverá entre as 10.00 e as 15.00 horas e na que terán presenza pequenos produtores locais

Co inicio do ano tamén volven á actividade os mercados ecolóxicos municipais, unha iniciativa do Concello que, cada fin de semana, contribúe a visibilizar a pequenos produtores locais e da área metropolitana en eventos abertos á cidadanía e ao aire libre, cun formato rotatorio que se desenvolve nos barrios da Coruña.

Este domingo 5 de xaneiro, o mercado ecolóxico municipal volve ao Campo da Leña, cunha ampla programación para todos os públicos que arrincará ás 10.00 horas, coa apertura dun espazo de dinamización infantil que estará habilitado ata as 15.00 horas. En paralelo, e tamén entre as 10.00 e 15.00 horas, as persoas asistentes poderán gozar da intervención artística ‘Arte do residuo’.

Xa a media mañá, ás 11.30 horas, as e os máis pequenos poderán participar nun obradoiro infantil de carácter creativo, no que a rapazada aprenderá a fabricar réplicas do Rei Mago Melchor con materiais reciclados. Cómpre lembrar que para tomar parte no obradoiro será preciso inscribirse previamente no mercado a partir das 10.00 horas, xa que a capacidade prevista estará limitada a un máximo de 15 nenas e nenos. O obradoiro durará unha hora.

Posteriormente, ás 12.30 horas, as crianzas tamén terán a posibilidade de gozar de ‘Onde nacen as apertas’, unha sesión de contacontos con Beíña.

A concelleira de Emprego, Comercio e Mercados, Diana Cabanas, convidou a cidadanía, e especialmente o público familiar, a asistir a esta primeira edición do mercado ecolóxico municipal no 2025, “unha iniciativa que estamos a expandir, pouco a pouco, a máis puntos da cidade como as prazas de Pablo Iglesias e Azcárraga e tamén o paseo das Pontes, dinamizando así todos os barrios e poñendo en valor o produto local e as e os profesionais das artes creativas que habilitan no mercado os seus postos de venda”.

Deja un comentario