Monday 06 de January de 2025

O BNG reclama a credencial da súa nova concelleira, Laura Raposo, por parte da XEC


O concello non convocou pleno en decembro que permitira tomar coñecemento da renuncia de Gonzalo Méndez e agora pasou o prazo para facelo.

O BNG solicitou a credencial á XEC –Xunta Electoral Central– que é a encargada de emitir o documento acreditativo como vía alternativa.

Laura Raposo substituirá como concelleira do BNG a Gonzalo Méndez trala renuncia deste por motivos laborais.

O BNG reclamou á Xunta Electoral Central a emisión da acreditación de Laura Raposo como nova concelleira do BNG de Culleredo. Tono Chouciño, voceiro do grupo municipal, solicitouna por ter expirado o prazo para o trámite ordinario que debería ter feito concello, e despois de que o alcalde non cumprise coa súa obriga de convocar pleno en decembro que permitise á corporación tomar razón da renuncia de Gonzalo Méndez os últimos días de 2024, quen saíu do país por motivos laborais.

Este labor correspondíalle ao alcalde do concello, mais vendo a deixadez das súas funcións, que entorpecía a toma de posesión dunha nova concelleira, os nacionalistas optaron por notificar á XEC eles mesmos, usando unha vía alternativa que consta nunha instrucción do organismo electoral para casos coma este nos que os gobernos dos concellos non fan o seu traballo e non se cumpre a toma de coñecemento en pleno no prazo de 10 días naturais.

Agora a XEC ten cinco días para emitir a credencial e así que a nova concelleira Laura Raposo poida incorporarse ao equipo ao longo deste primeiro mes do ano e asumir a encomenda de converterse na nova representante nacionalista no concello.

Deja un comentario