Saturday 04 de January de 2025

Lorena Breijo, de Barallobre, e María Celia López, de Perlío, son as gañadoras do I Concurso de Decoración de Nadal do Concello de Fene


Vinte e dúas persoas participaron na I edición do Concurso de Decoración de Nadal que organizou a Concellería de Promoción Económica co obxectivo de “recoñecer as mellores propostas de decoración exterior entre as veciñas e veciños do municipio”. Catorce foron as propostas na modalidade de vivenda unifamiliar e 8 na modalidade de fachadas, balcóns e xanelas. O xurado, integrado pola concelleira de Promoción Económica, Ángeles Coira, a de Seguridade e Participación Veciñal, Sandra Permuy, e a responsable do Laboratorio de Creación Artística Laudas Calamity, Laura Bouza, acordou conceder os seguintes premios:

Na modalidade de vivendas unifamiliares, o premio consistente nunha cesta de produtos gourmet cortesía de Bodegas Barral, foi para Lorena Breijo González, pola decoración da súa vivenda ubicada en Camiño Abeleira, 1, A Pomba, Barallobre.

Na modalidade de fachadas, balcóns e ventás, o premio consistente nunha cesta de produtos cortesía de Eroski Center, foi para María Celia López Rodríguez, residente en Avda. de Tarrío, 36, Perlío.

O xurado visitou as decoracións durante a noite e seleccionou as propostas gañadoras nas dúas modalidades atendendo á súa creatividade e orixinalidade, iluminación, uso de materiais de reciclaxe (refugallos), composición baseada na tradición popular e a súa visibilidade dende o exterior.

Segundo a concelleira de Promoción Económica, Ángeles Coira, “a elección foi difícil, notábase un traballo de fondo que dende o Concello agradecemos moito. E o espírito do Nadal reflectiuse nas nosas rúas, creando espazos fermosos e cheos de luz que engalanaron o municipio”.

Deja un comentario