O Concello de Neda vén de pechar a visita o próximo domingo dos Reis Magos de Oriente á localidade. Atendendo ás previsións meteorolóxicas, que avanzan chuvias durante toda a xornada, programarase un percorrido matinal, con breves paradas en puntos estratéxicos do municipio para que os nenos e nenas poidan saudar ás Súas Maxestades e, pola tarde, dúas recepcións máis repousadas.
Melchor, Gaspar e Baltasar contarán o 5 de xaneiro cunha apertada axenda en Neda. Unha vez recollida a correspondencia do buzón real, situado na Casa do Concello, visitarán acompañados dos seus paxes, boa parte da localidade. Unha visita coa que localizarán os fogares aos que irán horas despois para deixar os seus regalos. Será un itinerario no que se sucederán as quedadas cos nenos e as nenas do municipio.
Así, ás 11 horas está previsto que visiten o local social de Viladonelle, onde farán unha primeira parada exprés para saudar aos máis pequenos da casa. O seguinte alto no camiño farano ás 11.30 no local social de Anca. O percorrido matutino completarase con encontros coa rapazada que se xunte en Albarón (12.00 horas, soportal do centro de saúde) e na casilla do Puntal (12.30 horas).
Horas máis tarde seguirán repartindo maxia e ilusión no municipio. Así, a iso das 16.00 horas, a comitiva real partirá da estación de trens con destino á Casa das Palmeiras, onde haberá un primeira recepción real, ao redor das 16.15 horas. Unha nova oportunidade para deixarlles en man as cartas coas peticións de agasallos.
E dende alí partirán unha hora despois cara á pista polideportiva do Roxal, onde ofrecerán unha segunda recepción, a partir das 18.00 horas, convidando á xente miúda que queira acompañalos a un chocolate con churros ben quentiño.
Durante toda a xornada, os Reis Magos estarán acompañados pola Agrupación de voluntarios de Protección Civil, a quen o Concello agradece a súa implicación para que saia todo ben durante a visita das Súas Maxestades.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.