Saturday 04 de January de 2025

A Xunta remata as obras parta estender a rede de saneamento en varias parroquias de Coirós, cun investimento de máis de 850.000 euros


As actuacións, cofinanciadas pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, consistiron na execución de 16 novos treitos de colector que suman preto de cinco quilómetros e a construción de 135 pozos de formigón

A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través de Augas de Galicia, concluíu recentemente as obras para estender a rede de saneamento de augas residuais a varias parroquias do concello coruñés de Coirós, cun investimento de máis de 850.000 euros.

As actuacións -cofinanciadas pola Unión Europea no marco do eixo React do programa operativo do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) Galicia 2014-2020- desenvolvéronse no marco do convenio de colaboración asinado entre Augas de Galicia e o Concello de Coirós para atender as necesidades de extensión do servizo de saneamento nas parroquias de Agra-Figueiras, Colantres e o lugar de Queirís.

Os traballos consistiron na execución de 16 novos treitos de colector que permiten estender a rede. En concreto, no caso das parroquias de Agra-Figueiras e Queirís as novas instalacións conectan coa rede existente mentres que en Colantres as novas infraestruturas finalizan na estación depuradora de augas residuais (EDAR).

A ampliación da rede de saneamento na zona dá servizo a algo máis de 500 habitantes, para o que se instalaron arredor de 4.800 metros de colectores, se construíron 135 pozos de formigón e se realizou unha impulsión duns 200 metros de alta densidade.

O financiamento europeo enmárcase nos fondos en resposta á pandemia da Covid-19 co fin de contribuír a unha recuperación verde, dixital e resiliente da economía a través de actuacións de mellora da eficiencia dos sistemas de saneamento e depuración.

Deja un comentario