A alcaldesa, Inés Rey, destacou o incremento de usos que se está a experimentar nos meses de outubro, novembro e decembro, os máis expostos ás inclemencias meteorolóxicas do inverno na cidade
Os usos contabilizados o ano pasado en BiciCoruña permitiron evitar a emisión de máis de 700 toneladas de CO2, as equivalentes en caso de que eses desprazamentos se fixesen en automóbil
A alcaldesa, Inés Rey, subliñou este xoves os avances que segue a experimentar o servizo municipal de BiciCoruña, que o ano pasado contabilizou un total de 1.337.882 usos, batendo así o récord previo correspondente ao 2023, cando se rexistraron case cen mil viaxes menos.
A rexedora puxo en valor que, desde a renovación do servizo executada hai dous anos e medio, “BiciCoruña está a amosar que a cidadanía aposta, cada vez máis, pola mobilidade sostible e por opcións alternativas ao vehículo privado”. A día de hoxe, BiciCoruña conta con case 14.000 persoas usuarias, case o dobre das que había en xullo de 2022, cando se completou a primeira renovación na historia do servizo.
O informe anual do 2024 expón, ademais, que BiciCoruña segue a rexistrar un incremento de usos nos meses de outono e inverno, a tempada con máis días de choiva e, en xeral, de inclemencias meteorolóxicas na cidade. Neste sentido, Rey destacou que este ano volvéronse bater os rexistros correspondentes aos meses de outubro, novembro e decembro (máis de 123.000, 117.000 e 90.000 usos, respectivamente), dando continuidade así á boa dinámica que xa foi palpable a finais de 2022 e 2023.
Praza de Pontevedra, Obelisco e Porta Real, entre as estacións con máis usos
Actualmente hai 49 bases de BiciCoruña operativas na cidade. A previsión do Goberno de Inés Rey é que nos vindeiros meses se sumen máis, ata as 85 incluídas na segunda fase de expansión do servizo, coa que se prevé habilitar máis estacións nos barrios e tamén reforzar as zonas onde se detecta habitualmente un maior número de usos e rotación dos vehículos.
O balance anual de BiciCoruña reflicte, unha vez máis, os fluxos de mobilidade habituais da cidadanía que usa este servizo. Na súa meirande parte, son desprazamentos por motivos laborais ou profesionais. A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, razoou que “isto é o que explica que entre as dez estacións con máis chegadas e saídas coincidan as da praza de Pontevedra, Obelisco, Porta Real, praza das Cigarreiras, Casa da Auga, Sol, praza de Portugal e praza de Vigo”. Varias destas bases tamén se atopan preto, por exemplo, de centros educativos, o que tamén ten influencia nos fluxos de mobilidade que se rexistran a diario no servizo.
Díaz lembrou, ademais, que a boa acollida do servizo tamén está relacionada coa progresiva mellora das infraestruturas e vías ciclables en toda a cidade, onde o Concello está a conectar os diversos percorridos de carril bici, incrementando tamén a rede existente a máis de 53 quilómetros. Os últimos en facerse visibles foron, a finais do ano pasado, os treitos do barrio de Novo Mesoiro e o do istmo da Pescaría.
“A aposta pola bicicleta ten un impacto claro na calidade de vida da cidadanía. Permite reducir a dependencia do vehículo privado e, ademais, contribúe á loita contra o cambio climático, co que iso supón en termos de benestar xeral para todas e todos”, apuntou Díaz, que lembrou que, só o ano pasado, o uso de BiciCoruña permitiu evitar a emisión de máis de 700 toneladas de CO2, as equivalentes en caso de que eses desprazamentos se fixesen en automóbil.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.