O Concello de Ribeira, no seu obxectivo de seguir aumentando a participación veciñal á hora de adoptar decisións, abre unha consulta cidadá destinada a recoller as inquietudes e propostas da veciñanza en relación cos investimentos que se incluirán nos plans municipais do ano 2025, especialmente o que ten que ver co Plan de Obras e Servizos.
Para facilitar a consulta o proceso desenvolverase a través da páxina web oficial do Concello de Ribeira (www.ribeira.gal). Este espazo estará aberto a todas as persoas maiores de idade empadroadas no municipio, que poderán expresar as súa opinión sobre as actuacións prioritarias que consideran necesarias nas súa parroquia.
O prazo para participar comeza este venres 3 e rematará o domingo 9 de xaneiro á medianoite, asegurando así un tempo adecuado para que todas as persoas interesadas poidan contribuír coas súa ideas. Segundo o alcalde, Luís Pérez Barral, “a participación veciñal é un piar fundamental para o desenvolvemento de proxectos máis relevantes do municipio, especialmente os que teñen que ver coas parroquias, por iso animamos a que se fagan propostas”. Pérez Barral informou que, unha vez recollidas todas as propostas, serán valoradas para integrar nos plans de acción e investimento do Concello aquelas que sexan máis relevantes e con posibilidade de encaixe orzamentario.
“Con esta iniciativa, o goberno local busca fortalecer a colaboración coa cidadanía e garantir que os recursos dispoñibles se destinen a necesidades reais, priorizando aquelas accións que melloren a calidade de vida de todas as parroquias” declarou Barral. Ribeira poderá contar cun orzamento significativo para acometer as melloras identificadas grazas á participación activa de todas as persoas que conforman a comunidade.
O goberno local anima a toda a veciñanza a aproveitar esta oportunidade para expresar a súa voz e contribuír ao futuro do municipio. “Queremos que a veciñanza sexa a verdadeira protagonista por iso apostamos por medidas como esta e outras como a escoita activa acudindo ás parroquias”.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.