Saturday 04 de January de 2025

O Concello saca a concurso as obras para renovar o firme no núcleo poboacional da Silva, que permitirán mellorar a súa seguridade viaria


A intervención, para a que se prevé un investimento de case 90.000 euros, levarase a cabo ao longo da rúa Benela e tamén na calzada que conecta A Silva de Arriba co lugar de Cances

O Concello da Coruña licitou esta semana as obras de renovación do firme que se acometerán proximamente no núcleo poboacional da Silva, onde se intervirá nas calzadas da rúa Benela, principal punto de acceso á Silva, e tamén na que conecta A Silva de Arriba co lugar de Cances.

Esta actuación, que forma parte dos compromisos adquiridos polo Goberno de Inés Rey coa veciñanza da Silva, busca dar resposta ás necesidades actuais do barrio, onde se atenderán as solicitudes das persoas residentes para mellorar a seguridade viaria e, en paralelo, se dará solución a demandas particulares da veciñanza.
“A nova plataforma da calzada adaptarase para evitar que as escorrentías discorran polas fachadas das vivendas”, expuxo a concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, que apuntou que o plan de traballos, cun investimento de case 90.000 euros, tamén inclúe partidas específicas para mellorar a rede de drenaxe do barrio.

O proxecto para acometer esta intervención aprobouse a mediados de decembro na Xunta de Goberno Local. Agora, o Concello avanza no cumprimento dos trámites administrativos que marca a normativa, sacando a concurso os traballos, para os que se estima un prazo de execución de dous meses a partir da súa adxudicación.

Díaz destacou a importancia desta actuación, “que permitirá mellorar a durabilidade e resistencia dos materiais da calzada que conecta os diversos núcleos poboacionais da Silva e realizar adaptacións nas súas marxes e beirarrúas, facendo máis accesibles algúns puntos onde existen obstáculos que dificultan ou estreitan o paso dos peóns e dos vehículos”.

Díaz lembrou que, a esta intervención, tamén se sumará este ano a construción da nova zona de ocio infantil na Silva, que posibilitará a creación dunha área de xogos para as crianzas e tamén unha pista multideporte a carón do centro cívico. As obras tamén están en fase de concurso.
En total, contabilizando a renovación do pavimento e a construción dos novos espazos de xogo, o Concello destinará máis de 430.000 euros a mellorar as infraestruturas da Silva.

Deja un comentario