Os organizadores teñen vendidas máis de 300 entradas para a Master Class que terá lugar este domingo. Haberá donativos para Cáritas e a AECC. A internacional Diana Serena será a principal protagonista desta iniciativa
O deporte con máis ritmo e a solidariedade daranse a man esta próxima fin de semana no Concello de Ordes. Isto grazas á Master Class que este vindeiro domingo, 28 de febreiro, ás 17.30 horas, terá lugar no pavillón Castelao I e cuxa organización corre a cargo de Noelia Moledo, monitora profesional e titulada pola escola Zumba Fitness, e o Concello de Ordes.
A día de hoxe a resposta a esta iniciativa é masiva, tal e como indican as máis de 300 entradas vendidas. Cada unha delas ten un prezo de 2 € que na súa maior parte irán destinados á AECC Ordes. Ademais cada asistente deberá facer entrega dun quilo de alimentos non perecedoiros que será doado a Cáritas Ordes.
Para esta primeira Master Class que ten lugar en Ordes os organizadores contan cunha embaixadora de excepción, Diana Serena. Trátase dunha das monitoras de zumba máis mediáticas, cuxo nome é habitual na listaxe internacional de profesionais que imparten esta disciplina deportiva. Ao seu carón contará tamén con outros recoñecidos profesionais con titulación oficial Zumba como Lucía Gómez, Blanguer Yanyimira, Figuera, Alberto García, Margaret Vilas, Lidia Redondo ou Mónica Corral. Con todos eles estará tamén Noelia Moledo, coorganizadora do evento xunto co Concello de Ordes. Ademais da sesión propiamente dita, que se estenderá máis aló das dúas horas, tamén está prevista unha exhibición Zumba Kids, na que se porá de manifesto o beneficio e o ben que o pasan os menores nesta actividade, a cal forma parte do programa deportivo deseñado polo Concello de Ordes.
As entradas para poder participar nesta convocatoria están aínda á venda no bar Saloon, Escola ConTalento, piscina Iván Raña, Cáritas Diocesana Ordes, da man da monitora Noelia Moledo ou a través da concelleira Ana Soneira. Tamén se poderán adquirir ese mesmo día no pavillón Castelao I.
Participación do comercio local
Para levar a cabo este programa cóntase co patrocinio e a colaboración de firmas comerciais como: Escola ConTalento, FitLine, A Bolera Burguer, M&F Deporte, farmacias de Ordes, asesoría fiscal Núñez Sánchez, Comercial Viqueira, Robell centro de beleza, Krav Maga Kapap, Vinilo, Sparky’s, Buda Gold, LP 45, Maral café bar, O Mercado, Abbaco Café, Cervexería o 27, Tasmania, Alfonso xoieiros, Aurelio xoiería, Rubí reloxería, Yolanda Cándido consultora de beleza e Puntadas.
Previamente a este evento principal, o sábado 27 vivirase unha xornada especialmente dirixida a instrutores de Zumba. As instalacións deportivas do complexo deportivo de Iván Raña acollerán os cursos de formación para Zin Members exclusivos da escola Zumba Fitness. Así de 8.30 a 17.30 horas terá lugar a sesión formativa para a modalidade Aqua Zumba e de 17.30 a 21 horas a de Aqua Boot. Media hora antes de ambas as sesións manterase aberta a inscrición para todos os asistentes, na que novamente Diana Serena será a principal baza para ampliar coñecementos e mellorar técnica.