Saturday 04 de January de 2025

A Orquestra Infantil e os Coros da OSG actuarán o 4 e 5 de xaneiro no Teatro Colón 


As entradas para ambos concertos especiais xa están á venda 

O Teatro Colón acollerá estes primeiros días do ano dúas actuacións especiais da Orquestra Infantil e do Coro Infantil e Xuvenil da Orquestra Sinfónica de Galicia. Os concertos, enmarcados dentro da programación de Nadal do Concello, celebraranse este sábado 4 e domingo 5 de xaneiro, en horario de 19.00 e 12.00 horas, respectivamente. 

“O Goberno de Inés Rey sabe da relevancia que ten a OSG para a cidade e o conxunto de Galicia e o importante que é contar con novas xeracións que manteñan o gran nivel da formación”, indicou Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo. 

As entradas para ambos concertos xa están á venda a través de Ataquilla e no despacho de billetes da praza de Ourense. Tamén se poderán adquirir, en caso de que haxa dispoñibilidade, o propio día da actuación no teatro. O prezo é de 7 euros por concerto, 3 euros para menores de 18 anos. 

En primeiro lugar, o sábado 4 ás 19.00 horas actuarán os grupos Pizzicato e Arcos da Orquestra Infantil da OSG, que estarán dirixidos respectivamente por Enrique Iglesias Precedo e Jorge Montes. Interpretarán pezas de Mozart, Beethoven ou Peter Martin. 

Por outra banda, o domingo 5 ás 12.00 horas celebrarase o evento ‘Coros son futuro’, no que participan o Coro Infantil e o Coro Xuvenil da OSG. O primeiro estará dirixido por Sofía Rodríguez Fernández e contará con Isabel Romero ao piano, interpretando un repertorio que inclúe pezas de John Williams ou Vivaldi. O segundo coro estará dirixido por Daniel G. Artés e contará con Ludmila Orlova ao piano, levando a cabo un repertorio de G. F. Haendel.

Deja un comentario