Os monicreques regresan a Brión co aninovo. Un ano máis, e xa van 29 seguidos, o Concello de Brión organiza o seu tradicional Festival de Títeres, que terá lugar o 2 e 3 de xaneiro. Dúas actuacións pensadas para un público familiar e que terán lugar no auditorio do centro social polivalente, ás 17:30 horas e con entrada de balde ata completar aforo.
O programa abrirase mañá xoves 2 de xaneiro con “Vacacións no mar”, de Mircromina Teatro, un espectáculo de monicreques de luva que conxuga o tradicional estilo da cachaporra cuns caracteres e acontecementos renovados para o público de hoxe en día.
O venres 3 de xaneiro, Danthea Teatro e Patricia Cameán porán en escena “Inverno na lavandería”, cuxa historia transcorre na lavandería dunha cidade onde, a través do xogo, propóñense escenas abertas á interpretación do público e convida ás crianzas a participar de forma activa no espectáculo, establecendo así un diálogo espontáneo durante a actuación. Un espectáculo que combina técnicas mixtas de contacontos con títeres de man e manipulación de obxectos.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.