Saturday 04 de January de 2025

O atleta ferrolán Pedro Osorio marca o mellor tempo na terceira San Silvestre de Neda


Un total de 269 atletas, dos 335 inscritos, participaron finalmente nesta mañá solleira, pero xélida, na III San Silvestre de Neda. A cita, organizada polo Concello no Roxal, formaba parte do calendario oficial Federación Galega de Atletismo e estaba incluída no “X Circuíto de Carreiras da Deputación da Coruña”. O ferrolán Pedro Osorio, do Club Atletismo Santiago, marcou o mellor tempo na proba absoluta; e Adriana Modia, do Atletismo Riazor Coruña, foi a primeira deportista feminina en cruzar a meta.
A competición, na que non faltou a compoñente festiva -houbo dende os típicos complementos do Nadal e mesmo participou un home araña- tivo, un ano máis, como punto de saída e de meta a pista polideportiva do Roxal. A carreira das categoría sub10 e sub12 (circuíto de 700 m) abriu a xornada e, tras ela, como anticipo da absoluta, chegou a sub14 e sub16 (1.400 m).
Na proba estrela (5,4 km por asfalto, discorrendo o tramo central pola beira do río Belelle ata alcanzar a contorna da Fervenza) impúxose Pedro Osorio, que completou o percorrido en 16’19”, inmediatamente seguido por Jaime García, do ADC Monte Breamo, e Marcos Ruiz, do Triatlón Ferrol. A clasificación feminina liderouna Adriana Modia (20’37”), rexistrando Leticia Figueira, do Brutanzos Team, e a eumesa María Carpente os seguintes mellores tempos. Os resultados ao detalle poden consultarse na web carreirasgalegas.com
O acto de entrega de trofeos, tres por categoría masculina e feminina, estivo presidido polo alcalde de Neda, Ángel Alvariño, e contou co goberno municipal en pleno, e representantes de varios dos grupos da oposición. E a cita deportiva foi posible, grazas a axuda prestada polos voluntarios e voluntarias da agrupación de Protección Civil de Neda.

Deja un comentario