Saturday 04 de January de 2025

As historias das mulleres do rural protagonizan o calendario de 2025 editado polo Concello de San Sadurniño


Desde o venres pasado xa se poden recoller no rexistro municipal e máis na Casa da Cultura os calendarios que desde hai uns anos edita o Concello, sempre co mesmo formato aínda que con temáticas distintas. Se ben o do 2024 que estamos a punto de pechar foi un percorrido polo Xeoparque do Cabo Ortegal, o do ano que entra volve estar protagonizado polas mulleres do territorio, igual que hai dous anos, cando as concelleiras Amparo Calvo e Ara Bellas -tamén fotógrafa do proxecto- adaptaran a exposicion “Mulleres da Galicia Máxica”. E é que o almanaque municipal de 2025 compóñeno trece instantáneas saídas da mostra “Historias das nosas: arando na memoria”, organizada por Cultura e Igualdade con motivo do Día Internacional das Mulleres Rurais.

A exposicion foi resultado, á súa vez, dunha actividade participativa que propuña buscar fotos antigas que reflectisen dalgún xeito o papel da muller no desenvolvemento do concello e, despois, ir aos lugares onde se tomaron orixinalmente e volver sacalas superpoñendo co mesmo encadre as instantáneas vellas sobre os escenarios actuais. A finalidade da experiencia non era outra que reivindicar as mulleres como sustento do rural, ademais de propor unha reflexión colectiva sobre o paso do tempo, os dereitos conquistados e tamén os que aínda faltan por conquistar.

Daquela experiencia, que foi precedida dun pequeno curso dirixido polo actor Kevin Lorenzo, saíron unha vintena de imaxes achegadas pola veciñanza coas que logo se montou unha exposición na columnata do patio interior do Concello: “cachiños das vidas das mulleres do noso concello. Fragmentos do día a día que quedaron capturados mediante fotos e que retratan o día a dia das mulleres de San Sadurniño e das súas historias particulares. Historias que encadramos no presente para poder ver como foron cambiando as vidas das nosas mulleres e do noso rural. Historias coas que tentamos arar na memoria fixando a olladada naquelas cousas que no día a día non pasamos desapercibidas: As historias das Nosas”, explicaba o texto introdutorio da exposicion.

Estas “Historias das Nosas: arando na memoria” toman agora a forma de calendario para seguir poñendo en valor “ás mulleres que sosteñen e acompañan coidando, que traballan na casa e tamén fóra, pero tamén que folgan e que gozan de reunirse e pasalo ben. Mulleres rurais que loitan por ter aquí servizos, que terman das tradicións e da cultura local, que se esforzan por manter a rede veciñal e que traen innovación ao noso concello. Mulleres, en definitiva, diversas pero iguais”.

O Concello fixo unha tirada de 300 exemplares que poden recollerse de balde até esgotar existencias na Casa da Cultura ou no rexistro municipal até esgotar existencias. Os calendarios tamén formarán parte das nove cestas que se van sortear dentro da campaña de apoio ao comercio local “Polo Nadal, consumo local” que finaliza precisamente este martes 31 de decembro.

Deja un comentario