O Concello de Neda acaba de adquirir o vello inmoble, situado a pé de ría, e buscará agora financiamento para rehabilitalo
O Concello de Neda vén de mercar a nave situada xunto ao espigón do Puntal. A recuperación deste galpón, que albergou ata 1970 unha antiga carpintería de ribeira, é unha antiga reivindicación da veciñanza da zona. Agora, o primeiro paso xa está dado.
A administración local investiu un total de 23.500 euros en facerse coa propiedade do vello estaleiro, construído nos anos corenta polo fenés Salvador Rodríguez, despois de residir un tempo en Cuba e nos Estados Unidos, segundo a Asociación Galega de Patrimonio Industrial. Durante anos, e grazas a unha cesión, o Concello botou man desas instalacións que, a pesar do lavado de cara realizado con fondos públicos hai algo máis dunha década, presentan un estado de conservación deficiente.
Unha vez conseguida a titularidade, o goberno local aspira a acadar, a través de subvencións, os fondos precisos para acometer agora unha reforma imprescindible para poder utilizar este inmoble duns 250 metros cadrados. O obxectivo, destinalo a usos deportivos e de lecer. No punto de mira, liñas de financiamento existentes para a rehabilitación do patrimonio pesqueiro.
A posta a punto desta vella construción enmárcase no proxecto de mellora integral da franxa litoral de Neda, comprendida entre o areal do Puntal e a veciña localidade de Fene. Cabe lembrar que os alcaldes dos dous municipios demandaban hai un par de meses a Demarcación de Costas a extensión ata ese punto da pasarela peonil de San Valentín, e que Neda comprometeuse a redactar o proxecto construtivo para facilitar que a iniciativa se materialice.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.