Wednesday 08 de January de 2025

O Concello prorroga durante seis meses a bonificación do 50% do billete do transporte urbano


A axuda está cofinanciada nun 30% polo Estado e nun 20% polo Concello

O Concello da Coruña aprobou este luns en Xunta de Goberno Local prorrogar durante seis meses máis a bonificación do 50% da tarifa xeral, social e universitaria do billete do transporte urbano na cidade. A alcaldesa, Inés Rey, dou conta esta mañá do acordo que permitirá manter o prezo á metade para as persoas usuarias da Tarxeta Millenium. En concreto, o prezo continuará manténdose en 0,38, 0,12 e 0,15 euros nas tarifas xeral, social e universitaria respectivamente..

O Goberno de Inés Rey impulsou por primeira vez esta medida en xaneiro de 2023 coa fin de promover os desprazamentos en autobús na cidade e favorecer unha mobilidade sostible entre a cidadanía. A ampliación desta medida ata o 30 de xuño de 2025 lévase a cabo unha vez que o Goberno de España, a través do Ministerio de Transportes y Movilidad Sostenible, vén de aprobar unha prórroga das súas axudas ao transporte. Isto supón que o Estado se siga facendo cargo do 30% da bonificación, mentres que a administración municipal sufragará o 20% restante.

O Goberno de Inés Rey mantén a man tendida á Xunta de Galicia para que colabore nesta iniciativa que busca mellorar a mobilidade dos coruñeses e coruñesas, como xa fixo desde un primeiro momento. Cabe lembrar que outras comunidades autónomas como Madrid ou Valencia si contribúen a esta axuda.
A ampliación de dita bonificación ao transporte público coruñés será automática e non será necesario que as persoas usuarias leven a cabo ningún tipo de trámite. O Goberno de Inés Rey continúa apostando por mellorar a mobilidade na cidade. Durante o ano 2025 levarase a cabo o Estudo do Transporte Urbano da Coruña, que permitirá licitar o novo servizo de transporte en base ás necesidades da cidade, os seus barrios e a cidadanía en xeral.

Mantemento das tarifas de transporte colectivo na Coruña
O Concello da Coruña aprobou tamén hoxe a conxelación do prezo do billete ordinario de transporte urbano en 1,30 euros, incluíndo o IVE vixente do 10%. A decisión de conxelar o prezo do bus está en liña coas políticas de tarifas equilibrada e sostible para o servizo e co fomento do transporte público.

Deja un comentario