Thursday 09 de January de 2025

A Xunta impulsa a reparación do depósito de abastecemento de auga potable da vila en Porto do Son cunha axuda de máis de 78.000€


― A delegada da Xunta, Belén do Campo, visitou o Concello para asinar a acta da actuación realizada ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental na liña non competitiva

― Un total de 9 concellos da comarca do Barbanza recibiron achegas do Goberno galego ao abeiro desta orde dotada con 6 millóns de euro

A delegada da Xunta, Belén do Campo, asinou co alcalde de Porto do Son, Luis Oujo, a acta da subvención do Fondo de Compensación Ambiental da liña non competitiva que permitiu a reparación do depósito de abastecemento de auga potable da Vila cunha axuda de máis de 78.000 euros.
Belén do Campo explicou que este depósito é unha estrutura de forma tronco-piramidal, de dous vasos con capacidade para almacenar 700,00 m3 de auga.

O obxectivo da obra foi garantir a súa integridade estrutural e minimizar as perdas. Para logralo levouse a cabo a impermeabilización interior executando unha nova soleira de formigón, reforzouse a impermeabilización de esquinas e encontros entre paramentos de formigón e levouse a cabo o selado con mástico estanco e deformable.

Na parte exterior executouse unha nova cuberta plana con grava, de tipo convencional e impermeabilizouse a parte enterrada das caras exteriores dos muros, con morteiro flexible. Ademais, revestiuse a parte aérea das caras exteriores dos muros con morteiro monocapa hidrófobo e pintouse con dúas mans de pintura plástica a parte aérea das caras exteriores dos muros.
Segundo sinalou Belén do Campo, a través deste fondo, fináncianse servizos municipais dedicados á protección do medio e medidas destinadas a evitar a degradación ambiental, actuacións de eficiencia enerxética e enerxías renovables, a compra de vehículos con distintivo ambiental, a utilización recreativa e didáctica dos recursos naturais ou intervencións en núcleos para integrar a contorna natural e campañas divulgativas.
Na comarca do Barbanza recibiron estas axudas nove concellos (Carnota, Lousame, Porto do Son, Ribeira, Boiro, Outes, Mazaricos, Muros e A Pobra) por un importe total de máis de 518.000 euros. A delegada da Xunta lembrou que este ano o Fondo de Compensación Ambiental suma na súa liña non competitiva un investimento de case 6 millóns de euros para apoiar accións en 109 concellos con parques eólicos no seu territorio.
A representante do Goberno autonómico incidiu na importancia da colaboración entre o Goberno galego e os concellos para levar a cabo actuacións que redunden no benestar da veciñanza. Nesta liña, Belén do Campo sinalou que este apoio é fundamental sobre todo nos municipios máis pequenos para que poidan levar a cabo iniciativas que en solitario resultaríalles máis complicado ou non serían posibles.

Deja un comentario