Unha semana máis fíxose entrega das caramiñas correspondentes coa iniciativa dirixida ás redes sociais no seo da campaña Volta o Nadal, voltan as Caramiñas. Esta consiste no sorteo diario de 200 euros en formato de vale/caramiñas para trocar no comercio local, ademais do premio final da viaxe familiar a Eurodisney para catro persoas que patrocina a empresa Congalsa.
A Concellaría da Promoción Económica da Pobra do Caramiñal repetiu esta acción polo Nadal, como ben explica a edil Amparo Cerecedo, co obxectivo de “dinamiza-la nosa localidade a nivel social e económico nunhas datas tan significativas.”
Para participar é preciso sacar fotos nos photocall coñecidos como recunchos do Nadal situados na Covecha, no Fogar do Nadal (Casa Mariñeira), no parque de Raquel Fernández Soler, na praza dos Irmáns Axeitos, no Cantón da Leña, na praza Victoriano García Martí e na praza de abastos. Estas instantáneas compartiranse no apartado de historias do Instagram mencionando a conta @caraminhasnapobra. En caso de te-lo perfil privado, haberá que face-lo mesmo proceso e, a maiores, enviar unha captura de pantalla da historia á dita conta da rede social para que así se contabilice para o sorteo.
Disponse ata o día 31 de decembro para optar ás caramiñas, mentres que ata o día 5 de xaneiro existe a posibilidade de gaña-la viaxe a Eurodisney entre tódalas imaxes captadas dende o inicio da campaña.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.