Saturday 11 de January de 2025

Rubén Martínez Mayo / Nerea Castro Nogueira e Damián González Castro / María Platero Prado, gañan o Trail Lousame 2024


O nicrariense Rubén Martínez gaña por quinta vez o Trail Curto e o Traileiros Toxos & Birras gaña por primeira vez o premio ao club con maior número de participantes

Os atletas Rubén Martínez Mayo (Club Atletismo Negreira) e Nerea Castro Nogueira, no Trail Curto; e Damián González Castro e María Platero Prado (Traileiros Toxos & Birras), no Trail Longo, foron os gañadores do Trail de Lousame 2024. Unha proba que completaron 387 atletas, dos 430 inscritos inicialmente, o que supón un incremento do 55% con respecto á participación rexistrada en 2023 e do 197% con respecto a 2022. O tempo acompañou, cunha mañá soleada e cunhas boas temperaturas que acompañaron durante toda a xornada.

Trail curto

O nicrariense Rubén Martínez Mayo obtivo o seu quinto triunfo no Trail Curto de Lousame, segundo consecutivo, nas cinco edicións nas que participou: 2024, 2023, 2021, 2020 e 2018. E fíxoo con maior autoridade co ano pasado, marcando un tempo de 1 hora 4 minutos e 39 segundos, rebaixando 1 minuto e 21 segundo a súa marca de 2023 e sacándolle case catro minutos de vantaxe ao segundo clasificado da proba absoluta. Completaron o podio da categoría absoluta masculina Fernando Pérez Fernández, cun tempo de 1 hora 8 minutos e 7 segundos; e Maxi Oubiña Falcón (Club Atletismo Cambados), con 1 hora 8 minutos e 35 segundos.

Na categoría feminina a vitoria foi para a atleta independente Nerea Castro Nogueira, quen parou o crono en 1 hora 21 minutos e 32 segundos, case un minuto menos ca gañadora de 2023, e clasificou como 42 na categoría xeral. O segundo posto foi para outra atleta independente: Carla Carolina Liñares Barreiro, terceira o ano pasado, cun tempo de 1 hora 24 minutos e 14 segundos (posto 57 da xeral) e o terceiro posto foi para Mercedes Vidal Rodiño (Club Atletismo Cambados) cun tempo de 1 hora 24 minutos 37 segundos (posto 59 da xeral).

Pola súa banda, Daniel Feijoo Ferreiro (Trieume As Pontes) foi o segundo corredor en cruzar a liña de meta, cun tempo de 1 hora 7 minutos e 2 segundos, proclamándose campión da categoría Máster Masculina. Acompañárono no podio Enrique Morán González (Altetismo Porriño) e Manuel Costa Castro (Club Atletismo Tambre), que foron 10º e 11º na clasificación xeral cuns tempos de 1 hora 12 minutos e 29 segundos e 1 hora 12 minutos e 52 segundos, respectivamente.

Na categoría Máster Feminina, o triunfo foi para Ángeles Iglesias Santiago (CD Pinarium), no posto 113 da xeral e 11 da categoría feminina, cun tempo de 1 hora 33 minutos e 57 segundos. Completaron o podium María del Pilar Santiago Dopado (CD Pinarium) e Araceli Veiga Bermejo (CA Cambados).

Trail Longo

No que atinxe ao Trail Longo, o triunfo foi para o atleta independente Damián González Castro, cun tempo de 2 horas 7 minutos e 21 segundos, un minuto máis co gañador da edición anterior se ben a distancia deste ano era maior. Tres minutos despois entrou Marcos Pascual Fidalgo (CD Biosbardos), que repetiu segundo posto cun tempo de 2 horas, 10 minutos e 36 segundos. Completou o podio Manuel Piñeiro Fiel (CDM Vértice), cun tempo de 2 horas 10 minutos e 41 segundos.

O máis alto do podio feminino foi ocupado por María Platero Prado (Traileros Toxos & Birras) cun tempo de 2 horas 30 minutos e 16 segundos, posto 20 da xeral do Trail Longo. María protagonizou unha das anécdotas da xornada xa que despois de marchar en primeira posición toda a carreira tivo unha caída a cinco quilómetros de meta, que lle fixo baixar o ritmo pero que non impediu a súa vitoria con máis de 12 minutos de vantaxe sobre Lucía Peón Santomé (Atletismo Arenteiro), segunda cun tempo de 2 horas 42 minutos e 30 segundos. Loreto Rodríguez Martínez (Atletismo Baiona) completou o podio cun tempo de 2 horas 43 minutos 44 segundos.

Na categoría Máster Masculina, o triunfo foi para Óscar Guerra Magán (Club Atletismo Cambados), cuarto clasificado do Trail Longo cun tempo de 2 horas 10 minutos e 54 segundos. Completaron o podio Fernando Lorenzo Guimaráns (CDM Xesteiras) e un dos dous atletas andaluces que se desprazaron hoxe a correr en Lousame: Antonio Gamero Ruíz (CM Sierra Sur).

Finalmente, na categoría Máster Feminina o triunfo foi para María Elisa Costa Pazos (Coutadas Trail Team), cun tempo de 2 horas 31 minutos e 13 segundos e posto 22 da xeral. Fina Blanco Pena (CD 21 Leguas) e Eva de la Fuente Iglesias (Club Deportivo Brión Hyupersa Santiago) completaron o podio feminino.

Entrega de premios

Os premios foron entregados polas concelleiras de Deportes, Mariel Agrafojo Nieto; e Xuventude, Silvia Agrafojo; e polos concelleiros de Protección Civil, José Antonio Ces Barreiro, e Obras, Ramón Martínez Rial; así como por Pablo Roo, xerente de Futuránea, empresa local e patrocinador principal do Trail de Lousame 2024.

Ademais dos trofeos aos 3 primeiros clasificados, masculinos e femininos, de cada Trail, tamén se entregaron distincións aos mellores clasificados locais: Elena Torea Torea (Club Atletismo Lousame) no Trail Longo; e Fran Oviedo Bouzas (Club Atletismo Noia) e Vanesa Tubío Tubío (Club Atletismo Lousame). Elena e Fran repiten distinción con respecto á edición de 2023. O premio ao club máis numeroso foi para o Trileiros Toxos & Birras, que toma o relevo do Tribu Trail.

Ademais dos avituallamentos durante a carreira, o Concello de Lousame tiña disposto outro avituallamento no polideportivo municipal Pilar Barreiro Senra, inicio e meta da proba. Ao rematar a entrega de premios, as persoas presentes compartiron unha ración de callos e petiscos do programa Galicia sabe Amar, da Xunta de Galicia.

Dende o Concello de Lousame agradecen especialmente a colaboración dos máis de sesenta voluntarios e voluntarias, sen cuxa axuda non tería sido posible o desenvolvemento da proba. Un agradecemento extensible a: Cruz Roja Noia, Protección Civil de Lousame e Emesports. O Trail de Lousame está organizado polo Concello de Lousame, en colaboración con Futuranea Soluciones Eléctricas y Tecnológicas, GADIS, AlquiNoia, Fermín Simal SL, Tarrío & Suárez Obras e Contratas e Hoka One One.

Deja un comentario