A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, subliñou a importancia desta intervención, froito dun estudo previo “atendendo aos fluxos de circulación do tráfico rodado previstos no barrio a curto e medio prazo”
O Concello completou esta semana as melloras no firme que se executaron a finais deste ano na contorna do Coliseum, onde se renovou unha superficie de máis de 3.200 metros cadrados na calzada da rúa Francisco Pérez Carballo, principal punto de acceso ao recinto multiusos desde a avenida García Sabell.
Estes últimos días, os equipos de traballo aproveitaron as xornadas de boas condicións meteorolóxicas para concretar os últimos detalles pendentes. Concretamente, a posta a cota das tapas dos pozos de rexistro e sumidoiros, e tamén as tarefas de pintura necesarias para visibilizar a sinalización horizontal sobre a calzada.
A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, destacou a importancia e necesidade desta actuación, “á que demos prioridade neste último terzo do ano atendendo aos fluxos de mobilidade previstos no barrio a curto e medio prazo”. Neste sentido, a concelleira apuntou que, anteriormente, xa había un tráfico rodado intenso, derivado da actividade comercial na zona. “E agora, tanto polo ascenso do Básquet Coruña á máxima categoría do baloncesto nacional, como polo calendario cultural previsto no Coliseum, haberá máis carga en termos de circulación de vehículos, polo que estas melloras de asfaltado eran fundamentais”, indicou.
Esta intervención, que supuxo un investimento de case 50.000 euros, dá continuidade ao plan de mantenemento e conservación impulsado polo Goberno de Inés Rey, que ao longo deste ano incluíu actuacións non só na contorna do Coliseum, senón tamén no treito do paseo marítimo onde está a rotonda de acceso a Santo Amaro, así como no percorrido que conecta os barrios de Matogrande e Catro Camiños a través da avenida Salvador de Madariaga e a rúa Cabaleiros.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.