Sunday 29 de December de 2024

Os novos carrís bici en Novo Mesoiro e o istmo da Pescaría incrementan a máis de 53 os quilómetros de vías ciclables na cidade


A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, lembrou que a aposta do Goberno de Inés Rey por iniciativas como BiciCoruña permitiu, só neste ano, “a non emisión de máis de 600 toneladas de CO2 á atmosfera”

O Concello habilitou estes últimos días os novos treitos de carril bici do barrio de Novo Mesoiro e do istmo da Pescaría, dúas intervencións coas que o Goberno de Inés Rey avanza no seu plan para entrelazar os percorridos ciclables da cidade, que a día de hoxe xa contan cunha rede de máis de 53 quilómetros.

No caso do carril bici de Novo Mesoiro, o primeiro que se constrúe no barrio, o Concello completou nas últimas semanas os traballos de pintura no percorrido bidireccional que conecta a rúa Illas Sisargas coa rotonda de confluencia coa estrada DP-0512, creado a partir da localización na que se instalou, a mediados do ano pasado, a estación de BiciCoruña que dá servizo a Novo Mesoiro.

En paralelo, neste último terzo de ano tamén se creou o treito de carril bici que conecta os Cantóns co paseo marítimo, á altura do Orzán. É, en termos prácticos, o primeiro percorrido intracidade que atravesa o barrio da Pescaría, partindo desde a rúa Nova e pasando, xa a continuación, pola rúa Alta, ata chegar ao cruzamento coa rúa Socorro e a avenida Pedro Barrié de la Maza.

No seu conxunto, as dúas actuacións supuxeron un investimento de máis de 230.000 euros, que dá continuidade á aposta do Goberno municipal polas políticas de mobilidade sostible, que permiten reducir a dependencia do vehículo privado e sustentan, á súa vez, a loita contra o cambio climático. A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, lembrou hoxe que, só neste último ano, “o número de usos contabilizado polo servizo municipal BiciCoruña permitiu a non emisión de máis de 600 toneladas de CO2 a atmosfera”.

Deja un comentario