San Sadurniño acollerá durante toda a mañá deste último domingo de mes o segundo mercado local do inverno. Unha cita con todo tipo de produtos entre os que, pouco a pouco, van ganando peso os alimentarios ou con algunha relación co sector primario. Dos 71 postos inscritos, 18 están relacionados con estas actividades, mentres que os 53 restantes repártense cunha proporción semellante entre artesanía, artesanía combinada con artigos de segunda man e puntos nos que se ofrecen exclusivamente artigos de ocasión. O mercado comezará pouco despois das 9 h. e rematará sobre as 15.00h.
Un dos principais obxectivos do mercado local de San Sadurniño é promover a comercialización agroalimentaria de proximidade como xeito de por en valor tanto o potencial do sector primario como a calidade dos produtos que dán as leiras e cabanas da comarca. Froita, queixos, hortalizas, embutidos, planta, flor, pan, empanadas, conservas, alimentos ecolóxicos e de comercio xusto compoñen unha ampla oferta coa que nutrir as despensas por prezos aceptables que, ademais, deixan na zona a maior parte do seu valor engadido.
Desde os seus inicios no mercado convive a produción agroalimentaria coa venda de manufacturas artesás e artigos de saldo ou de coleccionismo. De feito, estas tres últimas áreas son as que copan, en conxunto, a maioría das inscricións no encontro. Porén, pouco a pouco vai notándose un maior peso da primeira, a centrada nos comestibles e na planta, na liña das feiras de toda a vida que San Sadurniño quere recuperar e actualizar con este evento.
O mercado arrancará sobre as 9.30h., aínda que o horario de maior actividade adoita ser na banda que vai das 11.30 ás 13.30h. Será unha mañá para encher a cesta da compra e atopar curiosidades, pero tamén para tomar un café -ou xantar- nalgún dos locais hostaleiros da zona ou, quen veña de fóra, aproveitar para dar unha volta visitando as proximidades da feira ou outros puntos do municipio.
Charla sobre o cultivo de castiñeiros para froito
Este mercado local veu precedido de varias charlas organizadas polo Concello ou en colaboración con outras entidades como a AGFA do Eume ou a asociación agroecolóxica A Cortiña. A última delas terá lugar hoxe venres a partir das 19.00h. na Casa da Xuventude e versará sobre as técnicas de cultivo do castiñeiro para producir froito.
O obradoiro impartirao o enxeñeiro Ramiro Martínez, propietario dos viveiros O Pomariño da Capela e un dos grandes expertos de Galicia en materia de froiteiras autóctonas. Martínez falará de variedades, de marcos de plantación, de podas e doutros aspectos relacionados coa formación de castiñeiros para castaña, un dos produtos con mellores perspectivas de futuro na nosa zona.
Noutra orde de cousas, aínda que sen saír do sector primario, cómpre lembrar que o Departamento de Desenvolvemento local, a AGA Ferrolterra e a Casa do Mel de Goente iniciarán o luns unha campaña de información e trampeo para a captura de raíñas fundadoras de avespa asiática. Organizáronse obradoiros en todas as parroquias do territorio coa seguinte programación:
29 de febreiro, local social de Naraío.
1 de marzo, local da Seara, en Ferreira.
2 de marzo, local de Santa Mariña do Monte.
3 de marzo, local social do Camiño Arriba.
4 de marzo, local social de Bardaos.
7 de marzo, Casa da Xuventude de San Sadurniño.
8 de marzo, local social de Igrexafeita.
9 de marzo, local social de Lamas.