Saturday 28 de December de 2024

A Xunta licita por máis de 1,6M€ a rehabilitación integral do ColexioPedro Barrié de la Maza de Sada


— A obra inclúe o cambio de cuberta e o illamento térmico da fachada, entre outras actuacións para mellorar a eficiencia enerxética do centro

— Enmárcase na segunda fase do Plan de nova arquitectura pedagóxica, aprobada hoxe no Consello, cuxo orzamento acaba de elevarse a preto de 500M€

A Xunta investirá máis de 1,6M€ na rehabilitación integral do Colexio CEIP Pedro Barrié de la Maza, na localidade coruñesa de Sada. A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP licita hoxe esta actuación, enmarcada no Plan de nova arquitectura pedagóxica, que inicia agora unha segunda fase coa que eleva o seu orzamento a preto de 500M€.
O proxecto de rehabilitación integral do CEIP Pedro Barrié de la Maza inclúe o illamento térmico de 2.767,95 m² de fachadas con sistema SATE de placas de poliestireno expandido, que tamén se aplicará no teito do patio cuberto. Así mesmo, cambiaranse 2.744.87 m² de cuberta por unha nova de panel sándwich de aceiro e poliuretano con illamento incluído, mudando tamén os verteaugas, os canos e as baixantes.

Ademais pintaranse as 206 portas e 266 fiestras interiores, instalaranse 2.305 m² de falso teito acústico no centro e 453.67 m² de falso teito vinílico en aseos e vestiarios e colocaranse 1205 luminarias led de alta eficiencia enerxética.

A maiores, acometerase a reforma da instalación eléctrica, incluíndo unha instalación fotovoltaica para xeración de enerxía eléctrica e de sistemas de alimentación de vehículo eléctrico.
Modelo pioneiro
Esta actuación está xa contemplada nos Orzamentos de 2025 da Consellería de Educación, Ciencia, universidades e FP e intégrase no Plan de nova arquitectura pedagóxica, cuxo orzamento total o Goberno galego vén de elevar a preto de 500M€. O investimento inicial para o período 2025-28, aprobado hoxe no Consello da Xunta, é de máis de 267M€, que se suman aos 230M€ executados entre 2021 e 2024 con intervencións en practicamente todos os centros.

Isto inclúe tanto a construción e a ampliación de centros, como rehabilitacións integrais, cambios de cuberta, actuacións de enerxías renovables e numerosas obras de mediana e pequena envergadura como instalación de ascensores ou renovación de aseos, entre outros.
A segunda fase do plan consolida un investimento sen precedentes nun dos parques inmobiliarios máis grandes da Xunta de Galicia, o dos centros educativos, integrado por arredor de 1.600 edificios. Ao mesmo tempo avánzase cara a un novo modelo de centros de ensino, pioneiro, con instalacións adaptadas ás necesidades do ensino do século XXI, máis flexibles, versátiles e cunha maior accesibilidade. Apóstase tamén por colexios e institutos máis respectuosos co medio ambiente desde o punto de vista do consumo enerxéticos e da súa integración na contorna.

Deja un comentario