A alcaldesa, Inés Rey, fíxolle entrega dun distintivo a Carlos Blanco e Xosé A. Touriñán, que inician este venres as dúas primeiras das oito funcións do show, con todos os billetes vendidos
O espectáculo humorístico de Carlos Blanco e Xosé A. Touriñán ‘Somos criminais e punto final’ establece estes días o récord de persoas asistentes do Teatro Colón con 25.600 espectadores en total, repartidos nas súas diferentes xiras que pasaron pola cidade desde o 2018. Con motivo deste fito histórico para a comedia e cultura na cidade, a alcaldesa, Inés Rey, acompañada polo concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, fixo entrega esta mañá a Touriñán e Blanco dun distintivo conmemorativo do récord. A alcaldesa subliñou que é a primeira vez que un espectáculo de humor no Colón presenta cheo en todas as funcións durante 8 pases consecutivos
“Todos os coruñeses e galegos levamos anos acompañados das personaxes e dos espectáculos de Touriñán e Carlos Blanco, así que non hai maior recoñecemento da sociedade que encher oito últimas veces este teatro, icona da cultura na cidade”, sinalou Inés Rey, tras entregar a ambos un diploma distintivo que acredita o récord de espectadores nun só espectáculo no Teatro Colón.
O espectáculo ‘Somos criminais e punto final’ pon fin a unha saga humorística que reúne sobre as táboas dos escenarios galegos a dous dos humoristas máis recoñecidos. En total, ofrecerán entre este venres 27 e o luns 30 oito funcións, cuxas entradas xa están esgotadas. “A Coruña volve a amosar que é o gran motor cultural de Galicia e unha cidade onde todos os espectáculos, de tamaño pequeno, medio ou grande, teñen unha grande acollida”, sinalou Inés Rey.
Dirixida por Tito Asorey e con textos de José L. Prieto, Carlos Blanco e Xosé A. Touriñán, en ‘Somos Criminais e punto final’ os dous cómicos están ao mando dunha misión espacial moi particular. Os humoristas serán os encargados de que na súa nave, rumbo a outro planeta, estea presente todo o noso patrimonio material e inmaterial máis prezado para que a nova terra á que emigraremos siga sendo criminal.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.