O Concello colabora coa asociación Infinity na primeira edición do Máster galego de futbolín Cidade de Narón, que se disputará os días 11 e 12 de xaneiro no pavillón do colexio de Piñeiros. O edil de Deportes, Ibán Santalla, presentou a convocatoria acompañado por Jesús Redondo, presidente de Infinity, e Esteban Freijo, presidente na zona do Ortegal da citada asociación. Dende a organización recalcaron que se repartirán 8.000 euros en premios e que a proba será clasificatoria para o mundial que se celebrará o vindeiro ano en Zaragoza.
A proba disputarase nas categorías élite, primeira, segunda e feminino, en dúas modalidades, o sábado 11 a de movemento, a partir das 10:00 horas, e o domingo 12 parado, dende as 10:00 horas (o feminino a partir das 13:00). As partidas de futbolín serán de balde e disputaranse simultáneamente en vinte futbolíns, que poderían ser máis no caso de que así o requerise a cantidade de persoas inscritas.
O prazo de inscrición neste evento deportivo permanece aberto ata o 8 de xaneiro, podendo anotarse as persoas interesadas a través dos teléfonos 684 762 989 ou 695 120 730. O prezo de inscrición é de 25 euros por xogador e na inscrición feminina 20 euros por parella. Dende a organización contan coa afluencia de xogadoras e xogadores procedentes de Galicia, Asturias, Castela León, Cantabria, Cataluña e outras comunidades.
O edil de Deportes asegurou que “é unha satisfacción poder celebrar por vez primeira un evento destas características na nosa cidade, completando así o amplo abano de propostas deportivas que se celebran ao longo do ano”.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.