Saturday 28 de December de 2024

Récord de inscricións na III San Silvestre de Neda


A III Carreira San Silvestre de Neda pechaba na noite deste mércores as súas inscricións, e faino con récord. Un total de 335 atletas, federados ou non, despedirán o ano correndo no Roxal nesta proba, organizada polo Concello, que está incluída no calendario da Federación Galega de Atletismo e no X Circuíto da Deputación da Coruña. Como en edicións anteriores, convídase ás persoas participantes a acudir con disfraces de Nadal.

Se o tempo acompaña, a teor das inscricións rexistradas, a San Silvestre de Neda vivirá este 31 de decembro a súa edición máis concorrida ata a data. Só na proba absoluta, que contará cun percorrido de 5,4 km e na que competirán atletas de oito categorías (entre sub 18 e máster 4), se apuntaron 256 deportistas, cen máis que no 2023. Dará comezo ás 10.30 horas, despois das probas correspondentes ás categorías menores, que tamén ven como aumenta a súa participación.
Así, na proba dos sub 16 e sub 14, cunha distancia de 1,4 km, está previsto que corran 32 deportistas, dando dúas voltas ao circuíto deseñado pola organización na contorna habitada do Roxal. Mentres, serán 47 os atletas máis novos que se medirán na carreira de sub 12 e sub 10 (nacidos entre 2013 e 2016), tendo que completar unha volta ao circuíto circular de 700 metros. As carreiras infantil e xuvenil arrincarán ás 10 e 10.15 horas, respectivamente.

Segundo figura no regulamento da San Silvestre, a retirada de chips e de dorsais farase a partir das 9:15 h no polideportivo do Roxal, punto de saída e de meta, e recibirán trofeo os tres primeiros clasificados de cada categoría, masculina e feminina.
As persoas participantes poderán aparcar tanto no estacionamento situado xunto ao Pazo de Isabel II, ao comezo da estrada que conduce ata a Fervenza, como no localizado nas inmediacións da instalación deportiva.

O Concello de Neda apela á colaboración veciñal para facilitar o desenvolvemento da competición, solicitando que durante a mañá do 31 de decembro, no horario das competicións, eviten estacionar ao longo do percorrido, idéntico ao dos anos anteriores, entre as 9.30 e as 12.00 h.

Deja un comentario