Saturday 28 de December de 2024

O Concello de Brión incorpora o seu primeiro vehículo eléctrico á flota municipal: un híbrido enchufable para a Policía Local


A Policía Local vén de estrear o primeiro vehículo eléctrico municipal de Brión: un Hyundai Tucson híbrido enchufable. Un coche que foi entregado polo alcalde, Pablo Lago Sanmartín, e o terceiro tenente de alcalde, José Antonio Vidal González, ao xefe da Policía Local brionesa, Marcos Delgado.

Con esta nova incorporación, “o Concello de Brión avanza no seu compromiso co aforro enerxético e descarbonización, que adquirimos no Plan de Acción polo Clima e a Enerxía Sostible de cara a conseguir un Brión máis limpo, máis verde e máis sostible”, indica Lago Sanmartín. Así, o novo vehículo policial conta cun modo 100% eléctrico que garante cero emisións, pero que en modo híbrido optimiza cada litro de combustible, xa que o motor eléctrico funciona xunto ao motor de gasolina para reducir o consumo e as emisións de gases.

Deste xeito, o Concello de Brión dá continuidade á súa política de promoción dunha mobilidade máis responsable e saudable, que incluíu a instalación de varios puntos de recarga para vehículos eléctricos, entre eles un emprazado no aparcamento da Policía Local en Pedrouzos. Esta incorporación vén solucionar unha demanda do propio departamento policial brionés, que ata o de agora viña utilizando un coche patrulla dunha antigüidade de máis de quince anos.

Deja un comentario