Saturday 28 de December de 2024

Manicómicos celebrará o seu 21 aniversario cunha gala o venres 3 no Teatro Rosalía de Castro


O espectáculo, que forma parte da programación de Nadal do Concello, será de balde ata completar capacidade

A Asociación Cultural Manicómicos celebrará o seu 21 aniversario o vindeiro 3 de xaneiro no Teatro Rosalía Castro, cunha gala especial que forma parte da programación de Nadal do Concello da Coruña. “O Goberno de Inés Rey mantén o seu compromiso coas agrupacións culturais da cidade e ofrecerá á cidadanía de balde este espectáculo, que nos permitirá gozar dunha compañía moi querida”, sinalou Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo.

A gala comezará ás 19.00 horas, e a entrada será gratuíta ata completar a capacidade do teatro. Trátase dun espectáculo para todos os públicos, no que as persoas asistentes poderán gozar de números de circo e de humor, preparados especialmente para a ocasión. Manicómicos celebra así 21 anos de actividades que o levaron a ser coñecido en todo o país e lonxe das súas fronteiras, grazas en maior parte ao seu Festival Manicómicos, que o vindeiro verán cumprirá a súa 24 edición.

A gala será presentada por Marta Iglesias e contará coa participación de artistas relevantes de Manicómicos, xunto con invitados e sorpresas, ademais de contar coa presenza do grupo de alumnos de clown da asociación, que tamén pisarán as táboas do teatro. Ademais, a agrupación tamén participará, o día 5 de xaneiro, na Cabalgata de Reis, como xa é habitual nos últimos anos.

Deja un comentario