Saturday 28 de December de 2024

Neda activa o programa infantil de lecer “DeporNadal por =” para impulsar a igualdade no ámbito deportivo


O Concello de Neda poñía en marcha esta mañá o programa “DeporNadal por =”, unha iniciativa de lecer, destinada a evitar o sedentarismo nas vacacións de Nadal, mediante a práctica deportiva e os xogos en igualdade. Unha ducia de nenos e nenas participan nesta actividade de novo cuño, que se desenvolveu esta mañá e se completará mañá.

Apuntan dende o goberno local que a proposta, que se desenvolve no pavillón municipal Ale de Paz, busca favorecer a actividade física, promover a igualdade de xénero no ámbito deportivo, e inspirar aos menores a través de figuras destacadas neste ámbito.

Na primeira das sesións, que tiña lugar esta mañá, desenvolveuse unha xincana da igualdade, con toda unha serie de circuítos de habilidade e xogos cooperativos. Na segunda entrega, elaborarase un mural colectivo, e participarase en xogos predeportivos relacionados co atletismo e o fútbol, coñecendo ademais a historia de dous referentes femininos neste campo
“DeporNadal por =” é unha iniciativa gratuíta municipal, desenvolvida co apoio do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.

Deja un comentario