Alfonso Rueda participou na Conferencia Sectorial de Xustiza, xunto ao ministro e o resto de responsables autonómicos en materia xudicial
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou hoxe na Conferencia Sectorial de Xustiza en Madrid, onde explicou os avances levados a cabo na nosa comunidade no eido das comunicacións electrónicas na Administración de Xustiza.
Segundo explicou o vicepresidente, a partir do 1 de xaneiro todas as comunicacións electrónicas en todas as Administracións de Xustiza son obrigatorias, polo que todos os profesionais e órganos xudiciais están usando os sistemas telemáticos existentes na Administración de xustiza para a presentación de escritos e documentos e a realización de actos de comunicación.
Así, na nosa comunidade, dende o 1 de xaneiro foron presentadas 645.975 notificacións; preto de 16.000 demandas e máis de 154.000 escritos de trámite. E ata decembro do 2015, foron presentadas máis de 16 millóns de notificacións telemáticas, das que concretamente 4.220.392 corresponden ao ano 2015; así como 52.309 demandas e preto máis de 633.000 escritos de trámite. Sendo unha das comunidades que máis avanzada está no eido das comunicacións electrónicas
Rueda e o resto de responsables de xustiza autonómicos reuníronse esta tarde co ministro Rafael Catalá, nun encontro no que o titular da Vicepresidencia da Xunta explicou o estado de implantación da comunicación telemática de nacementos dende os hospitais ata os Rexistros Civís, con máis de 1.000 inscricións,que na nosa comunidade está completado nos hospitais públicos e vaise estendendo paulatinamente aos privados,
Ademais, o vicepresidente da Xunta lembrou que na derradeira conferencia sectorial no mes de outubro, a proposta do Ministerio de Xustiza era que Galicia puidera contar con dúas ou tres novas unidades xudiciais para este ano, ao que Rueda anunciou que a nosa comunidade solicitara, en canto se poida, ata cinco novas unidades xudiciais.
Outras das cuestións abordadas na reunión tiveron que ver coa formalización de convenios, o estado de implantación da medida Cora de comunicación telemática, a xestión de bens embargados e a situacións dos depósitos xudiciais, e a colaboración dos Institutos de Medicina Lega e Ciencias Forenses co Instituto Nacional de Estatística.