— Ángeles Vázquez explica que 9,2 M€ financiarán iniciativas municipais relacionadas coa recollida separada de biorresiduos e residuos especiais como aceites ou téxtiles
— Ao abeiro desta convocatoria, tamén se destinarán 2,5 M€ á construción ou mellora de puntos limpos fixos, móbiles e minipuntos limpos así como de instalacións para a reutilización e/ou autorreparación de residuos municipais especiais
— O Goberno galego tamén destinará 3,2 M€ a apoiar a pemes, asociacións e fundacións galegas que desenvolvan proxectos destinados a dotar dunha nova vida aos materiais procedentes da recollida separada de certos refugallos municipais
A Xunta de Galicia destinará 11,7 millóns de euros a axudar ás entidades locais a optimizar a xestión dos residuos de orixe municipal para avanzar cara a unha economía circular.
Segundo avanzou hoxe a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, durante unha visita ao punto limpo fixo de Vilasantar, o Goberno galego é consciente do reto que supón para as entidades locais o cumprimento da normativa europea en materia de residuos, polo que convocará nos próximos días varias liñas de axudas nesta materia.
Deste xeito, a conselleira explicou que a Xunta destina 9,2 millóns de euros a unha orde de axudas dirixida a financiar iniciativas municipais relacionadas coa recollida separada de biorresiduos e residuos especiais como aceites ou téxtiles. Esta liña de apoios prevé catro tipos de actuacións subvencionables. Dúas delas pretenden tanto axudar aos concellos a implantar a través do contedor marrón a recollida separada dos biorresiduos como apoialos no impulso dunha correcta xestión destes refugallos con proxectos de compostaxe doméstica ou comunitaria.
As outras dúas liñas de axudas subvencionarán proxectos de implantación ou mellora da recollida de aceite de cociña usado e de residuos téxtiles. Neste senso, tal e como lembrou a conselleira, a Unión Europea estableceu como obrigatoria a recollida selectiva destes refugallos a partir do 1 de xaneiro de 2025.
A maiores, Ángeles Vázquez indicou que, ao abeiro desta convocatoria, tamén se destinarán 2,5 millóns de euros á construción ou mellora de puntos limpos fixos, móbiles e minipuntos limpos así como de instalacións para a reutilización e/ou autorreparación de residuos municipais especiais.
Máis polo miúdo, as entidades locais que queiran facer obras para optimizar ou ampliar un punto limpo fixo xa existente poderán solicitar achegas de ata 150.000 euros se a solicitude é a título individual, ou de 200.000 euros cando a instalación preste servizo a varios municipios.
No caso de acollerse á liña para a adquisición dos chamados puntos limpos de proximidade (instalacións de menor tamaño pero que cumpren coa mesma función), os concellos optarán a axudas de 15.000 euros e as agrupacións municipais a un máximo de 35.000 euros; e para as entidades interesadas en mercar conxuntamente un punto limpo móbil a Xunta ofrecerá ata 120.000 euros.
En canto aos apoios para a construción de instalacións de iniciativa municipal destinadas á preparación para a reutilización ou á autorreparación de residuos eléctricos e electrónicos, téxtiles e outros refugallos recollidos separadamente, o importe máximo da subvención é de 150.000 euros para concellos en solitario e de ata 200.000 euros se hai máis solicitantes.
Ademais de colaborar cos concellos no obxectivo de acadar unha xestión eficiente e sostible dos residuos, a conselleira engadiu que o Goberno galego tamén destinará 3,2 millóns de euros a apoiar a pequenas e medianas empresas, asociacións e fundacións galegas que desenvolvan proxectos destinados a dotar dunha nova vida aos materiais procedentes da recollida separada de certos refugallos municipais.
Para concluír, a conselleira sinalou o Concello de Vilasantar como exemplo de compromiso cunha xestión eficiente dos residuos. De feito, este municipio coruñés beneficiouse dunha axuda de preto de 300.000 euros ao abeiro da convocatoria que fixo o Goberno galego no ano 2022 para a construción de novos puntos limpos.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.