A campaña comercial orientada ao mercado municipal baixo o lema Volta o Nadal, voltan as Caramiñas finaliza tralo sorteo do importe da cea de fin de ano. Desta vez, Alba Fernández, propietaria dun negocio local de moda, foi a encargada de extraer da urna os sete novos boletos gañadores: un primeiro de 400 euros, dous segundos de 200 euros e catro terceiros de 100 euros.
Os premios foron parar a Fernando Codesido Mosquera (primeiro), Josefa Domínguez Rodríguez (segundo), Eva Vizcaya Fernández (segundo), Manuela Vázquez Martínez (terceiro), Pilar Lojo García (terceiro), Milagros Vázquez Fernández (terceiro) e Montserrat Gago González (terceiro). Fixo entrega dos vales/caramiñas a concelleira da Promoción Económica da Pobra do Caramiñal, Amparo Cerecedo, quen valora “moi positivamente” o resultado desta acción ao rexistrarse “unha alta participación.” Poderán agora trocar estes bonos por produtos no propio mercado municipal ata o día 31.
A Concellaría da Promoción Económica decidiu apostar novamente por esta iniciativa encamiñada a “incentiva-las compras no comercio local, fomenta-lo consumo de produto de proximidade e poñer en valor o traballo dos praceiros e das praceiras, ademais de ser unha forma de agasalla-la fidelidade da veciñanza que merca aquí e atraer a potenciais clientes”, afirma a edil.
Repartíronse así un total de 2.400 euros entre o sorteo do importe da cea de Noiteboa e a de fin de ano.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.