Saturday 28 de December de 2024

Cariño inaugura unha exposición colectiva e prepara varias actividades para a fin de semana


• A mostra foi presentada pola alcaldesa, Ana María López, e pola comisaria do evento, Chary Docal.

• Esta fin de semana celebraranse no concello un obradoiro participativo e un espectáculo de maxia.

O Concello de Cariño inaugurou o pasado luns, 23 de decembro, a exposición colectiva ‘Arte con Cariño’, nun acto que contou coa intervención da alcaldesa, Ana María López, e coa da comisaria do evento, a artista local Chary Docal. A mostra sitúase no Local Social do Concello e ten por obxectivo dar a coñecer a arte dos veciños e veciñas do municipio, dándolles un lugar onde expoñer as súas pezas artísticas.
A alcaldesa de Cariño, Ana María López, quixo agradecer “o traballo e a iniciativa de Chary Docal, que fixo posible esta mostra”, resaltado tamén “o potencial que teñen os veciños e veciñas, algo que se pode ver reflectido nos traballos aquí expostos”.

En total, a mostra reúne sete obras dos veciños e veciñas Carmen Rodríguez, Juan Pablo Docal, Nuria Ramos e Pilar Lorenzo, abarcando unha gran variedade de disciplinas, como a fotografía, a pintura ou o debuxo. Conta con entrada gratuíta e poderase visitar ata o próximo 8 de xaneiro en horario de 10:00 a 13:00 horas e de 16:00 a 19:00 horas.

Varias actividades programadas para pechar a semana

Nos próximos días organizaranse no Concello de Cariño varias actividades dentro da programación especial municipal polo Nadal. Primeiro celebrarase un obradoiro participativo o venres 27 de decembro de 11:00 a 13:00 horas no PAI As Touliñas. Nesta actividade, pensada para os máis pequenos da casa, realizarase un mural colectivo.

Posteriormente, o sábado 28 de decembro, o Mago Teto presentará o seu espectáculo ‘Alquimia’ na Casa dá Cultura de Cariño a partir das 19:00 horas. A actuación está destinada a un público familiar e conta con entrada libre e gratuíta.

Deja un comentario