Friday 27 de December de 2024

A Xunta apoia a contratación de 15 novos doutorandos para que poidan desenvolver a súa tese en empresas e centros tecnolóxicos 


― A Consellería de Ciencia inviste case preto de 2 millóns de euros na cuarta edición deste programa, que suma xa máis de 61 investigadores participantes

― Doce doutorandos son contratados por empresas e tres por centros tecnolóxicos

― Este programa, ademais de potenciar a captación de talento e a creación de emprego de calidade, promove a transferencia de coñecemento das universidades ao tecido produtivo e fomenta a realización de proxectos de investigación industrial

A Xunta de Galicia acaba de facer pública a resolución da cuarta edición do programa de Doutoramentos Industriais, unha convocatoria da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP que posibilita a contratación de 15 persoas doutorandas por parte de empresas e centros tecnolóxicos e de innovación para a realización da súa tese nunha contorna empresarial.

Cunha axuda total de 1.854.000 euros, permitirá a contratación de 15 estudantes de doutoramento do Sistema Universitario de Galicia para que desenvolvan a súa tese de doutoramento en empresas e centros tecnolóxicos galegos no período 2024-2028. En concreto, 12 persoas doutorandas realizarán a súa tese en empresas e tres en centros tecnolóxicos en áreas de coñecemento como as Ciencias, as Ciencias da Saúde, a Enxeñaría, a Química, a Nanotecnoloxía ou a Biotecnoloxía.

Reparto por provincias e universidades
As entidades beneficiarias -empresas e centros tecnolóxicos- pertencen ás provincias de A Coruña (53%), Pontevedra (33%) e Lugo (14%). En canto ás persoas investigadoras doutorandas candidatas un 53% son homes fronte a un 47% de mulleres. En canto á universidade galega, o 60% corresponden á Universidade de Santiago de Compostela, o 27% á Universidade de Vigo e o 13% restante á Universidade da Coruña.

O persoal investigador contratado debe estar inscrito nun programa de doutoramento dunha universidade galega e ter un director de tese vencellado a este programa. Ademais, o proxecto de investigación no que se sustente a tese debe orientarse a resolver as necesidades e problemas da empresa ou centro de innovación e tecnoloxía que o acolla, favorecendo a investigación colaborativa e a transferencia de coñecemento, así como a captación de talento e a incorporación de persoal investigador á contorna empresarial.

As axudas cobren tanto os custos de contratación, gastos relacionados co proxecto tanto na universidade como na empresa, así como apoios para a realización de estadías de tres meses no estranxeiro.

Galicia, terra atractiva para a investigación
Este programa enmárcase na aposta da Xunta de Galicia polo talento e o emprego de calidade no ámbito da I+D+i e trata de posicionar a Galicia como rexión atractiva para o desenvolvemento da carreira investigadora. Entre os obxectivos deste programa atópanse promover a mobilidade, a colaboración e a transferencia de coñecemento, potenciar a formación de mozos e mozas investigadores, posibilitar a súa incorporación ás empresas e centros tecnolóxicos, así como fortalecer a vinculación entre o tecido produtivo e as universidades galegas.

As tres edicións anteriores xa permitiron a contratación doutros 46 estudantes de doutoramento, co que xa superan os 61 contratos cun investimento de máis de 7,5 millóns de euros. Este programa súmase ás medidas que o Goberno galego ten en marcha co fin de apoiar o talento e crear emprego de calidade no eido da investigación como Oportunius, Ignicia e os programas de apoio ás etapas predoutoral e posdoutoral.

Deja un comentario