Monday 25 de November de 2024

Os Concellos de Lousame e Noia solicitan un obradoiro de emprego de 6 meses e 32 persoas en carpinteiría, albanelería e xardinería


Teresa Villaverde salienta que “é unha oportunidade para que as persoas en situación de desemprego poidan formarse e recibir un certificado de profesionalidade co que optar ao mercado de traballo”

Os Concellos de Lousame e Noia solicitaron hoxe un obradoiro de emprego de seis meses e para 32 alumnos, nas modalidades de albanelería (16), carpinteiría (8) e xardinería (8). Un acordo que foi presentado esta mañá no salón de plenos de Noia pola alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, e o alcalde de Noia, Santiago Freire.

Teresa Villaverde explicou que este obradoiro “é unha oportunidade para que as persoas en situación de desemprego poidan formarse e recibir un certificado de profesionalidade co que optar ao mercado de traballo. Así, 16 persoas desempregadas de Lousame poderán ter a aoportunidade de traballar, ter un salario e formarse durante eses seis meses”. Un punto no que incidiu o alcalde de Noia, quen explicou que “se solicitou no último momento porque tivemos só unha semana dende a moción de censura para traballar no proxecto. Non había nada iniciado polo anterior goberno, polo que entendo que non consideraban importante ou necesario dar opcións laborais e de formación a desempregados”.

Actuacións a realizar

No caso de Lousame, as actuacións que levaría a cabo o alumnado do obradoiro de emprego concrétanse en tres espazos: na contorna da piscina, no poboado de San Finx e en Lesende, onde se recuperará un lavadoiro no centro do lugar. “En Lesende xa arranxamos unha das entradas. Agora queremos facer o lavadoiro e despois arranxar a praza e outros accesos”, explicou Villaverde Pais.

Na contorna da piscina, o alumnado realizaría traballos de xardinería e carpinteiría. “Hai unha zona de bosque coas mesas deterioradas que é moi utilizada pola veciñanza e queremos arranxalas e poñer novas, ademais de substituir partes en madeira deterioradas do inmoble da piscina”, apuntou a alcaldesa de Lousame. Finalmente, no caso das Minas de San Finx, o alumnado de xardinaría se encargaría de acondicionar a única área se completar do poboado.

No caso de Noia, Santiago Freire explicou que se actuará “na adecuación e mellora do paseo marítimo, que necesita actuacións de mellora” así como nos parques urbanos, “que necesitan dunha mellora tanto de conservación como de estética”. Porén, a actuación na que máis incidiu o alcalde de Noia foi a recuperación do Monte do Bolo. “Queremos promocionar unha actividade relacionada co paisaxismo como un concurso internacional de xardíns. Son iniciativas que se fan con éxito en concellos como Allaríz (Ourense) ou Ponte de Lima (Portugal). Buscamos recuperar o entorno e que sirva para a promoción turística durante uns 5 meses, de maio a setembro”, apuntou Freire Abeijón, quen agarda que “vendo a experiencia doutras localidades esperamos atraer máis visitantes e que repercuta na hostalería e no comercio”.

Finalmente, o alcalde de Noia agarda que este proxecto sexa “o primeiro paso que abra a porta a colaboracións posteriores” con Lousame, municipio co que xa hai varias funcións mancomunadas tanto na Mancomunidade Serra do Barbanza como no Xeodestino ou na ARD.