— O Executivo galego promove a conexión entre empresas emerxentes galegas, asesoradas no marco da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego, con estudantado universitario de último ano grazas á plataforma U4Impact
— Na actualidade, e no marco dos seus respectivos proxectos de fin de grao ou mestrado, xa hai unha decena de mozos e mozas traballando activamente en colaboración con nove empresas emerxentes da Comunidade
— A iniciativa permítelles incrementar a súa empregabilidade adquirindo experiencia real en contornas innovadoras, ao tempo que as empresas poden acelerar os seus respectivos proxectos estratéxicos sumando unha nova visión
A Xunta de Galicia avanza na iniciativa piloto que impulsa a conexión entre empresas emerxentes galegas, asesoradas no marco da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego, con estudantado universitario de último ano grazas á plataforma U4Impact.
Deste xeito, na actualidade –e no marco dos seus respectivos proxectos de fin de grao ou mestrado— xa hai unha decena de mozos e mozas traballando activamente en colaboración con nove empresas emerxentes da Comunidade. Concretamente, trátase de Senior Lingua, Galiwonders, AC8 Arquitectura, Lopróximo, Alas Educación, Skeirrum, Cervexas Píntega, Hangover of Fashion e Workfromgalicia, que impulsan retos de enxeñería e ciencia de datos, intelixencia artificial, economía, márketing, comunicación e Educación.
Tras recibirse máis de 3.000 solicitudes de estudantes —tanto de Galicia como do resto de España— interesados nas oportunidades que ofrecen estes negocios, a metodoloxía aplicada por U4Impact garantiu que as empresas localizasen as candidaturas máis axeitadas ás súas necesidades, asegurando colaboracións mutuamente beneficiosas para ambas partes.
Así, a iniciativa está permitindo establecer sinerxías entre as persoas emprendedoras e o talento universitario promovendo, por unha banda, que os estudantes poidan incrementar a súa empregabilidade —adquirindo experiencia real en contornas innovadoras e responsables— e, por outra banda, que as iniciativas poidan acelerar os seus respectivos proxectos estratéxicos sumando unha nova visión.
Así mesmo, o programa contribúe ao crecemento e á visibilidade das empresas emerxentes de Galicia no mercado nacional, dando un paso adiante na consolidación dun tecido empresarial máis competitivo. Tamén brinda a oportunidade a persoas galegas que cursan os seus estudos noutras partes de España de atopar unha vía para regresar á súa terra ou, cando menos, reforzar a súa ligazón con Galicia ao realizar o seu traballo de fin de grao ou mestrado para empresas emerxentes galegas.
Impulso ao emprendemento
A Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego —unha iniciativa pública nada en xullo de 2022— presta, de maneira gratuíta, asesoramento individualizado, tanto a quen desexa emprender na Comunidade como a quen xa o fixo e quere consolidarse. A Rede ten, ademais, un gran foco no rural, co obxectivo de dinamizar a economía local, fixar poboación e combater o reto demográfico.
A través das 15 oficinas activas na actualidade, situadas en diferentes localizacións do territorio galego, xa se atenderon a día de hoxe arredor de 3.000 proxectos de emprendemento, entre os que predomina o sector servizos, seguido da hostalería e das actividades de comercio. Ademais, no conxunto das catro provincias, realizáronse máis de 7.400 titorías e unhas 1.000 actividades, como reunións con entidades do territorio, accións de formación e eventos.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.