O prestixioso artista galego volve, un ano máis, á cidade nestas datas para presentar o seu espectáculo ‘Celtic Sea’
Este xoves 26 o artista de música galega máis internacional, Carlos Núñez, volverá a ofrecer un concerto especial de Nadal no Teatro Colón da Coruña. O espectáculo, que forma parte da programación de Nadal do Concello, comezará ás 20.30 horas e aínda están á venda as últimas localidades.
Como xa é tradicional por estas datas, o gaiteiro máis internacional volve a casa e fará parada na Coruña para ofrecer un concerto tan emotivo como sorprendente. Inmerso na súa xira ‘Celtic Sea’, o músico vén de percorrer países como Irlanda, Escocia, Francia e Estados Unidos para presentar o seu proxecto, que chegou a lugares emblemáticos como a catedral St. Patrick’s en Dublín, o Glasgow National Concert Hall, o Festival Interceltique de Lorient, a illa de Tatihou en Normandía e o Kaufman Music Center de Nueva York.
O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, destacou “a aposta do Goberno de Inés Rey polos artistas e intérpretes da nosa terra, visible na programación cultural que oferta o Concello ao longo de todo o ano, e na que contamos tanto con valores emerxentes da escea musical galega como por artistas consagrados, como é o caso de Carlos Núñez”.
As entradas para asistir á actuación de Carlos Núñez no Teatro Colón pódense adquirir a través de Ataquilla, no despacho de billetes da praza de Ourense e no propio teatro o día da actuación. Os custos dos pases van dos 18 aos 34 euros, en función da localidade escollida. Cómpre lembrar que haberá descontos especiais: do 20% para as persoas posuidoras do Carné Xove, maiores de 65 anos ou en situación de desemprego, e do 25% para familias numerosas.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.