O Concello de Carballo colabora coa Asociación Galega de Custodia do Territorio na protección de plantas “exclusivas da zona” que corren risco de extinción, entre elas a Euphorbia uliginosa, cunha presenza moi importante no noso territorio. “Sen embargo, toda esta diversidade de grande interese non é coñecida pola poboación local e os turistas que visitan a zona”, sinalan desde a entidade, e para mudar esa situación instaláronse varios carteis interpretativos no polígono de Bértoa, no que se concentra a poboación de Euphorbia uliginosa.
De feito, tal como sinalan Martiño Cabana Otero, Adán Conçalves García e Antón Vázquez Corral, autores do informe da situación desta especie, as poboacións existentes no noso concello son “as únicas presentes tanto en Galicia como no resto de España. É por isto -engaden- que a conservación destas pequenas e únicas poboacións é vital para a supervivencia a longo prazo desta especie”.
A especie está incluída no epígrafe de “en perigo de extinción” do Catálogo galego de especies ameazadas, o que implica a prohibición de danar os exemplares existentes así como de destruír o hábitat no que reside. “A conservación de todas as súas poboacións é prioritaria”, apuntan desde a Asociación Galega de Custodia do Territorio, e nese sentido desde a Concellaría de Medio Ambiente ofreceuse toda a colaboración para que a xestión da especie sexa a máis axeitada.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.