Monday 23 de December de 2024

A Pobra segue repartindo ilusión en formato de caramiñas


No seo da campaña Volta o Nadal, voltan as Caramiñas, A Pobra do Caramiñal continúa inmersa na iniciativa dirixida ás redes sociais que sortea 200 euros diarios en formato de vale/caramiñas, ademais do premio final da viaxe familiar a Eurodisney que patrocina a empresa Congalsa.

Trátase dunha proposta que repite polo Nadal a Concellaría da Promoción Económica. A edil Amparo Cerecedo fixo entrega de novas caramiñas ás persoas agraciadas nestes días. “Agora poderán trocar esta moeda en papel nos comercios e establecementos do municipio adheridos á campaña. Esta é unha das medidas que dinamizan a nosa vila a nivel económico por estas datas. Se ben tamén se dinamiza a nivel social ao atraer xente ao noso concello e ao incentivar a que a nosa veciñanza participe nesta actividade”, manifesta Cerecedo.

A dinámica consiste en sacar fotos nos photocall coñecidos como recunchos do Nadal situados na Covecha, no Fogar do Nadal (Casa Mariñeira), no parque de Raquel Fernández Soler, na praza dos Irmáns Axeitos, no Cantón da Leña, na praza Victoriano García Martí e na praza de abastos. As instantáneas compartiranse no apartado de historias do Instagram mencionando a conta @caraminhasnapobra. En caso de te-lo perfil privado, haberá que face-lo mesmo proceso e, a maiores, enviar unha captura de pantalla da historia á dita conta da rede social para que así se contabilice para o sorteo.

Poderase optar ás caramiñas ata o día 31 de decembro, mentres que ata o día 5 de xaneiro existe a posibilidade de gaña-la viaxe a Eurodisney entre tódalas imaxes captadas dende o inicio da campaña.

Deja un comentario