Monday 23 de December de 2024

A elite do xadrez reuníuse no municipio para participar no XXIII Torneo de Nadal de Carral


• A cita congregou a cincuenta e seis xadrecistas de diferentes idades e procedentes de toda a provincia.

• O cambrés, Rodrigo Pena Barbeito, proclamouse campión absoluto do torneo por diante do cercedense Guillermo Ambroa e Roberto Blandón.

• O mellor xogador local foi Xosé Manuel Zapata, quinto na clasificación xeral.

Cincuenta e seis xadrecistas de diferentes idades e procedentes de toda a provincia se deron cita, este domingo no pavillón do Espiño, no XXIII Torneo de Nadal de Xadrez de Carral, un clásico nestas datas festivas.

As persoas participantes dividíronse en 4 categorías (sub-10, sub-14, absoluto e mellor local). A competición iniciouse ao redor das 16.00 h e constou de 7 roldas de 10 minutos por xogador/a cun incremento de 3 segundos. A sétima e última partida terminou ás 19.50 h, tras a cal Rodrigo Pena Barbeito (Club Magic de Xadrez de Extremadura) proclamouse campión absoluto do torneo, xusto por diante do cercedense Guillermo Ambroa Barbeito e Roberto Blandón Pao (Club Xadrez Sigrás).
En canto á categoría sub-14 o triunfador foi Andrés Blanco Rodríguez (Club Xadrez Arteixo e 4º na xeral). A segunda posición da categoría foi para o carralés Mario Graña Vázquez, pechando o pódium Rafael Soto Florian (Club Xadrez Arteixo).

Por último, en canto á categoría sub-10, o campión foi Roi Bello (Carballo). A segunda recaeu en Mario García (Carballo) e finalmente a terceira posición foi para o carralés Brais García.
En canto ao trofeo ao mellor xogador local recaeu sobre Xosé Manuel Zapata Pérez (5º na clasificación xeral).

Terminada a rolda de partidas, ao redor das 20.00, foron entregados os premios da man do alcalde de Carral, Javier Gestal Pouse, quen destacou a altísima participación de xogadores nas categorías máis novas do evento (uns dos principais obxectivos do torneo), chegando a alcanzar o 65 % do total de rexistrados.

Deja un comentario