Monday 23 de December de 2024

O Concello de San Sadurniño propón unha carta sostible para o Apalpador, Papá Noel e os Reis Magos


Desde as festas do Nadal e Reis do ano pasado, o Concello de San Sadurniño proponlles ás familias un modelo de carta para que a escriban coas máis pequenas e pequenos da casa, de maneira que a rapazada se conciencie coa sostenibilidade e tamén con outros valores importantes. A carta deste ano aos personaxes máxicos deste tempo, como o Apalpador, Papá Noel e os Reis Magos de Oriente, volve insistir na importancia de optar por agasallos sostibles e educativos que fomenten valores de igualdade e respecto polo medio ambiente. Esta iniciativa anima ás familias a reducir o consumo excesivo e a escoller obsequios que deixen unha pegada positiva tanto nos nenos e nenas coma no planeta. Ademais, inclúe un desexo de paz mundial e de xustiza social, reflectindo os anhelos dos máis pequenos por un mundo mellor e máis xusto. Velaí o modelo de carta, á que se lle pode dar outra forma ou engadir cousas que se consideren tamén importantes. En calquera caso, o importante é compartir o momento e a ilusión das nenas e nenos mentres a escriben.

Queridos Apalpador, Papá Noel e Reis Magos de Oriente,

Espero que esteades moi ben. Este ano teño unha petición especial: gustaríame que os agasallos fosen sostibles e respectuosos co medio ambiente. Ademais, sería xenial que fomentasen valores como a igualdade e a importancia de compartir.

Penso que sería marabilloso que os xoguetes que traiades este ano estivesen feitos de materiais naturais, como a madeira ou o bambú de cultivos responsables onde miren pola Terra e polos dereitos das persoas. Así tamén estaremos axudando a coidar o planeta mentres xogamos.

Tamén me gustaría recibir xoguetes educativos que nos axuden a aprender cousas novas e importantes. Libros sobre a natureza, xoguetes que ensinen sobre a igualdade e a diversidade, ou mesmo xogos que nos fagan pensar e crear lonxe das pantallas.

Ademais, en vez de encher as nosas casas de cousas, que tal se traedes experiencias para vivilas en familia? Por exemplo, entradas para visitar lugares interesantes, como reservas naturais ou museos. ¡Iso sería moi divertido e deixaría lembranzas moi especiais!

E se decidides comprar cousas, estaría moi ben que o fagades en tendas locais para reducir a pegada de carbono e para axudarlles aos negocios que temos máis preto de nós. Se pode ser, traede agasallos de comercio xusto para o planeta e para as persoas.

Tamén teño un desexo moi importante: gustaríame que o mundo fose máis xusto e sen guerras. Quero que todas as persoas, sen importar de onde veñan ou como sexan, poidan vivir en paz e felicidade.

Moitas grazas por escoitar a miña petición. Estou seguro/segura de que estes agasallos farán felices a moitas nenas e nenos, e tamén axudarán ao noso querido planeta.

Con moito cariño e agradecemento,

[O nome da nena ou neno]

P.D.: Ah, esquecíame dunha cousa!! Non fai falla que me deixedes os agasallos envoltos en tanto papel nin plástico, só con atopalos xa vou saber que viñestes pola miña casa e vou levar unha grande sorpresa.

Deja un comentario