Sunday 22 de December de 2024

O BNG anima a consumir no comercio local e promociona os produtos galegos


O Bloque Nacionalista Galego (BNG) anima a consumir no comercio de proximidade, lanzando unha nova campaña baixo o lema “Mellor local, mellor galego”. Nesta ocasión, membros do BNG percorreron os comercios de Ribeira e repartiron materiais informativos nos comercios e entre a poboación, facendo un chamamento á veciñanza para que aposte polo consumo responsable e local todo o ano pero de maneira especial nestas datas de Nadal.

Rafael Pazos, responsábel local do BNG, destacou que apoiar o comercio de proximidade é clave para xerar riqueza, dinamizar a economía local. “Consumir produtos locais e galegos reforza o tecido económico da nosa contorna e tamén promove un modelo de comercio máis sustentable, con produtos de alta calidade e a prezos xustos. Ademais, etiquetar os produtos na nosa lingua axuda a darlle visibilidade á identidade galega e á nosa cultura”, apuntou Pazos.

Pola súa banda, o alcalde de Ribeira, Luís Pérez Barral, afirmou “seguiremos traballando para revitalizar os mercados municipais, as feiras, o comercio e a hostalaría, e promoveremos novas iniciativas que dean resposta ás necesidades do sector”, explicou Pérez Barral.

Denden o BNG destacan o compromiso do Concello co sector comercial e hostaleiro, destacando medidas como investir máis de 250.000€ para actividades e decoración para que dinamizar o Nadal ou a municipalización do aparcadoiro do Centenario facendo que abra 24 horas e reducindo tarifas converténdoo no estacionamento máis barato da zona. Ademais do bono comercio impulsado polo BNG e que este ano se impulsará en diálogo cos comerciantes nunha época de baixo consumo.

Rafa Pazos desgranou que para promover o comercio o BNG propón:

– Promover o consumo de produtos locais e galegos, incentivando a súa etiquetaxe en lingua galega.
– Regular os horarios comerciais para priorizar un modelo máis xusto e sostible.
– Combatir a instalación de grandes superficies comerciais de capital transnacional que prexudican o pequeno comercio.
– Impulsar marcas de calidade que identifiquen a orixe de produtos hortícolas, pesqueiros e marisqueiros, así como garantir prezos xustos para o leite galego.
– Fomentar a produción ecolóxica e alternativa, promovendo un consumo máis consciente e respectuoso co medio ambiente.
– Crear liñas de crédito prioritarias para o comercio de proximidade e desenvolver alternativas galegas de venda en liña.
– Ofrecer axudas para mellorar os establecementos que comercializan produtos autóctonos.

A concelleira Veva Betanzos salientou a importancia de apostar por unha nova Lei do Comercio Local, que limite as vantaxes das grandes superficies e favoreza a competitividade do comercio de proximidade. “Queremos que as vilas e cidades galegas sexan espazos vivos, nos que os mercados, feiras e tendas tradicionais sigan sendo o corazón das nosas comunidades”, engadiu.

Con estas iniciativas, o BNG reafirma que cambiar os hábitos de consumo está ao noso alcance e que apoiar o comercio local é esencial para revitalizar as nosas vilas, dinamizar a economía e garantir a supervivencia dun modelo de produción e consumo adaptado á realidade de Galiza. “Temos un comercio e uns produtos excelentes. No BNG cremos que deben ser defendidos e impulsados, porque só así poderemos construír un futuro máis xusto e sostible para o noso país”, concluíu Betanzos.

Deja un comentario