O Concello de Carral fixo entrega hoxe, na Casa do Concello, dos premios do Concurso ‘Tapeando Carral’ 2024.
O Velo de volandeira do Pacífico, do local Terra, proclamouse vencedor por partida dobre ao facerse co galardón ao mellor petisco tanto na votación popular como na de xurado. Os premios para o establecemento gañador consistiu en trofeos e agasallos proporcionados por diferentes entidades colaboradoras.
O certame tivo lugar do 5 ao 8 de decembro e no reconto da votación do público, a receita proposta por Terra obtivo un total de 90 votos, seguido polos 67 que acadou O bebedeiro sen fin, do Pincho, e os 59 da Filloa Rechea, do Bar Tropezón.
O podio do xurado profesional mantivo a mesma orde sendo o petisco de Terra o máis votado, 78 votos; o do Pincho, con 74; e o do Bar Tropezón, con 72.
En canto ao público participante, o primeiro premio recibiu o seu peso en cervexa, 1 pack de chorizo e lacón de Vilalba e visita e comida en Bodegas As Laxas. O segundo e o terceiro premio tamén foron cortesía de Estrella Galicia, Jamones y Embutidos Elote e Exclusivas Rivas Suárez, entidades colaboradoras do certame.
Desde o Concello celebran o éxito acadado nesta edición do Tapeando Carral, e sinalan a importancia destas iniciativas para “impulsar o consumo nos establecementos hostaleiros da vila e dar a coñecer a magnífica oferta gastronómica do municipio”.
O alcalde, Javier Gestal, e a concelleira de Comercio e Turismo, Natalia Patiño, foron as autoridades encargadas de entregar os premios ás persoas gañadoras en cada categoría, ás que felicitaron polo seu enorme talento e por participar nesta iniciativa.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.