Sunday 22 de December de 2024

O concello aporta 3.000 euros á Escola Infantil Municipal en material para as novas actividades pedagóxicas


Hoxe visitaron a Escola Infantil Municipal o tenente de alcalde, Vicente Mariño, a concelleira de Educación, Cruz Rivadulla, e a xefa de servizo do Departamento de Servizos Sociais, Francisca Vidal; alí reuníronse e visitaron o centro coa directora pedagóxica da escola Olalla Ouviña.
A concellería de Educación do Concello de Ribeira aportou 3.000 euros, no primeiro trimestre do curso actual, para a adquisición de equipamento educativo para facilitar a aplicación de pedagoxías activas, acorde á innovación e orientación establecidas no curriculum de primeiro ciclo de educación infantil para crianzas de 0-3 anos.
Olalla agradeceu, “o aporte do concello por mercar este material que encaixa co traballo que se está introducindo en pedagoxías activas”, tamén sinalou que durante esta semana levan desenrolando actividades do Nadal e no día de hoxe en concreto, “hai unha festa cunha instalación de Nadal de portas abertas para os pais deseñada pola compañeira Nerea González con material orgánicos e reciclados”.
A concelleira de Educación reflexonou sobre estas novas actividades pedagóxicas, “a sensación é que as crianzas aparte de aprender, investiguen, teñan ideas e poidan desenvolver, non só as actividades intelectuais, senón tamén as afectivas e as emocionais”. Manifestou tamén “que dende o concello colaboramos neste tipo de material para que as profesoras e o equipo directivo desta escola infantil desenvolva estas actividades pedagóxicas; é un orgullo ver que si que dá resultado o traballo que se está facendo”.
Ademais da concellería de Educación colabora nesta escola infantil o departamento de Servicios Sociais do concello, Francisca Vidal informou que “o que facemos é xestionar os fondos da escola infantil para o financiamento coa empresa concesionaria que realiza a xestión (Aurora, Pilar e Ana S.L.) cos que estamos moi contentos ca labor que se está facendo”.
Para rematar o tenente de alcalde agradeceu o traballo a todo o equipo da escola, e desexou a todos e todas un bo Nadal.

Deja un comentario