O titular da Xunta di que o total das prazas ofertadas equivale ao total de prazas convocadas nos últimos cinco anos
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe que o Consello da Xunta aprobou por decreto a Oferta de Emprego Público para 2016 nos ámbitos sanitario, educativo e da Administración Xeral. En total, trátase de 2.644 prazas, o que equivale ao total das ofertas de emprego público convocadas nos últimos cinco anos.
“En consecuencia, espero que a taxa de reposición de interinos na comunidade estea moi baixa e a taxa de emprego fixo sexa unha das máis altas historia da comunidade autónoma”, afirmou o titular da Xunta.
As prazas para Sanidade
Segundo detallou, no que atinxe ao eido sanitario, a oferta de emprego público do Sergas superará con creces o volume de todas as convocatorias acumuladas dos últimos anos, xa que se ofertarán un total de 818 prazas, o que supón unha taxa de reposición do 100 por cen.
Por categorías, Feijóo explicou que haberá 351 prazas para persoal estatutario licenciado sanitario, das cales 196 son prazas de facultativo especialista; 83, para médicos de familia; 36 prazas, para médicos de urxencias; 3, para médicos de admisión; 12, para médicos do 061; 10 prazas, para pediatras; e outras 11, para odontólogos.
Do mesmo xeito, outras 144 son para persoal estatutario sanitario e de formación profesional, na súa práctica totalidade enfermeiros, e as outras 323 para persoal estatutario de xestión e servizos, dentro das cales se inclúen 168 celadores e 85 auxiliares administrativos.
A oferta de emprego público no ámbito educativo
No ámbito educativo, Feijóo sinalou que a convocatoria será de 1.112 prazas, das cales arredor de 1.000 son para ingreso libre.
No que atinxe á súa distribución, o presidente da Xunta lembrou que 478 son para profesores de ensino secundario, nas súas distintas especialidades; 122, para profesores de FP, en 6 modalidades; 500, para mestres; e outras 12 son para inspectores de educación.
Segundo apuntou, a convocatoria está prevista para finais do mes de abril e o inicio das probas farase unha vez remate o curso.
As prazas para persoal da Administración Xeral
En canto á oferta de emprego para persoal da Administración Xeral, Feijóo subliñou que nun primeiro momento estaba prevista en 448 prazas, pero tras o diálogo cos sindicatos, finalmente terá 714 prazas, é dicir, máis do dobre que o ano anterior.
Con respecto a isto, o titular do Goberno galego destacou que boa parte da oferta estará centrada nos servizos sociais e no servizo de prevención e extinción de incendios, que acaparan o 75 por cento da oferta, é dicir, tres de cada catro prazas.
En concreto, Feijóo precisou que no eido dos servizos sociais haberá 318 prazas; outras 218 corresponden co servizo de prevención e extinción incendios; e as 178 restantes van a outras categorías, nas que se inclúen informáticos, auxiliares, xestores e, por vez primeira na historia da autonomía, haberá 22 prazas de especialistas en seguridade e saúde no traballo.