Tuesday 01 de April de 2025

En marcha as obras de mellora da rede viaria en Montemaior e Golmar


O proxecto está valorado en 137.000 euros.

Xa está en execución o proxecto dirixido a mellorar a rede viaria en tres núcleos de poboación das parroquias de Montemaior e de Golmar.

O alcalde, José Manuel López Varela, e o concelleiro de Obras Públicas, Pablo Cambón, desprazáronse ata San Fins para coñecer o desenvolvemento dos primeiros traballos nese lugar pertencente á parroquia de Montemaior, onde está sendo renovada a superficie de rodadura nun tramo da estrada e acondicionados os sobreanchos coa finalidade de aumentar a plataforma da calzada. Como medidas de seguridade, vai ser creada unha escollera para a contención da calzada e ampliada a rede de recollida de pluviais.

A continuación intervirase nos outros dous núcleos. En Sabaceda (Montemaior) os traballos consistirán en dotar á estrada dunha nova capa de rodadura, limpar as cunetas e afirmar os bordes da calzada. E no núcleo da Pedra (Golmar) tamén vai ser renovado o pavimento.

Nos tres casos as actuacións concluiranse coa sinalización horizontal e vertical para mellorar a visualización e reforzar a seguridade viaria.

O proxecto está valorado nun total de 137.000 euros.