Sunday 22 de December de 2024

San Sadurniño volve apostar polos produtos de proximidade no seu cartucho de Nadal


O Concello de San Sadurniño entregoulle ao persoal durante esta mañá o tradicional lote de produtos de Nadal. Un detalle que vén repetíndose desde hai anos e que, ademais, forma parte dos acordos acadados na negociación colectiva coas traballadoras e traballadores municipais. Nesta ocasión trátase dunha caixa cargada de viandas variadas que comparten dúas características principais: son produtos da máxima calidade e todos eles de proximidade. De feito, no lote inclúense varias elaboracións saídas das instalacións da Fusquenlla.

A área de Xestión Interna encomendoulle á Tenda de Moeche -un pequeno de negocio iniciado pola veciña de Bardaos Iria Méndez Veloso- un total de 37 lotes, un para cada membro da plantilla municipal, que tiveron un custe unitario de 54€.

Dentro de cada caixa vén de todo un pouco: unha botella de zume de mazá Bieiteiras, cogumelos desecados da marca Manda Carballo, delicias de pemento e marmelada de Ay Carmen!, dous queixos -un curado Brigantia e outro semicurado O Casal-, un frasco de requeixo de Bardaos, un tarro de mel Abella Mestra (Moeche) e un bote das riquísimas galletas ecolóxicas Maruxas de Nata, feitas en Santa Mariña do Monte.

Tal e como comenta o responsable do departamento, Manolo Varela, o cartucho de Nadal “é un pequeno agasallo para o persoal municipal”. O edil lembra que os cartuchos varían o seu contido dun ano para outro, coa finalidade de darlle cabida, sempre dentro do orzamento dispoñible, a unha produción agroalimentaria local e comarcal.

Alén dun agasallo para o persoal do Concello, a entrega do cartucho é tamén “un xesto de concienciación en favor dos produtos próximos e da máxima calidade”. Segundo comenta Manolo Varela elixir eses artigos “axuda a soster a nosa pequena industria agroalimentaria e un sistema de produción case artesanal que, ademais, é sostible desde o punto de vista ambiental e social”.

O concelleiro incide en que a aposta polos alimentos de quilómetro cero é unha “aposta constante” do Concello de San Sadurniño, quen colabora con outras entidades deste ámbito -a AGFA do Eume, a Asociación Agroecolóxica A Cortiña e a Casa do Mel de Goente, principalmente- desenvolvendo ao longo do ano numerosas actividades formativas, informativas e de concienciación ao respecto do potencial agrogandeiro da nosa zona.

Na mesma liña Varela tamén destaca que polo menos catro dos dez artigos incluídos no cartucho “son produtos elaborados nas instalacións da Fusquenlla”. “O ano pasado eran tres delicadezas feitas no centro de transformación agroalimentaria e este ano xa hai un produto máis, sinal de que pouco a pouco o proxecto, no que estamos implicados sete concellos, está empezando a dar os seus froitos. Seguro que o 2025 vai ser o seu ano.”

O concelleiro recordou, por último, que en San Sadurniño tamén segue en marcha ata fin de mes a campaña de apoio ao comercio e os servizos “Polo Nadal, consumo local”, na que participan unha trintena de negocios do municipio. Con cada compra que se faga nestes establecementos entrarase no sorteo dun total de 9 cestas cargadas (igual que o cartucho de Nadal do consistorio) de produto de proximidade da máxima calidade.

Deja un comentario