Sunday 22 de December de 2024

O BNG mantense a carón da veciñanza e reclama médicos para Aguiño e Ribeira nunha nova mobilización cidadá


O Bloque Nacionalista Galego reafirma o seu firme compromiso coa veciñanza de Aguiño e Ribeira para conseguir a cobertura completa das prazas de persoal sanitario nos seus centros de saúde. Este venres, centos de persoas concentráronse en Aguiño para reclamar unha sanidade pública digna, denuncia que contou co respaldo activo de membros do BNG.

O alcalde de Ribeira, Luís Pérez Barral, estivo alí a carón da veciñanza asegurando que “non parará ata que todas as prazas médicas e sanitarias estean cubertas porque é xusto que a veciñanza teña unha atención sanitaria de calidade, sen esperas interminables”. “Estarei ao lado dos meus veciños o tempo que faga falta, porque o primeiro ao que me debo como alcalde é aos seus intereses. Reclamarei sempre o que é de xustiza e un dereito básico e esencial como é a saúde”, subliñou.

Denuncia da situación actual

O BNG lembra que, a día de hoxe, os centros de saúde de Ribeira e Aguiño carecen de catro médicos e un profesional adicional no Punto de Atención Continuada (PAC), unha situación que está a provocar esperas de ata tres semanas para obter unha cita. Ademais, moitas persoas vén obrigadas a recorrer a servizos xa saturados, como o PAC ou as Urxencias do Hospital Comarcal da Barbanza.

O caso de Aguiño é especialmente grave, xa que chegou a quedar sen ningún médico dispoñible. A solución provisional da Consellería de Sanidade foi trasladar unha médica desde Ribeira, unha medida que só “transvasa o problema dunha localidade a outra, sen achegar unha solución real”. O rexedor ribeirense destaca que o Goberno local enviou varios escritos ao conselleiro de Sanidade solicitando a cobertura inmediata das dúcas prazas vacantes no consultorio periférico de Aguiño. Unha destas prazas quedou vacante por xubilación do titular, e a outra correspóndese cunha baixa de longa duración. Actualmente, unha só doutora está atendendo en Aguiño para cubrir dúcas ausencias, o que provoca que haxa pacientes que non podan recibir atención sanitaria nin obter cita en Atención Primaria, engadiu o alcalde.

Dende a organización nacionalista lamentan as declaracións do Partido Popular no Parlamento Galego, nas que se acusaban a Aguiño de ser “hostil” co Goberno da Xunta de Galiza.

Mobilización cidadá como motor do cambio

A mobilización de hoxe puxo de manifesto o profundo malestar da cidadanía pola falta de recursos sanitarios. “É imprescindíbel que a Xunta tome nota do clamor popular e adopte medidas inmediatas que garantan unha atención de calidade. Esta loita non é só do BNG, é de toda a veciñanza de Aguiño e Ribeira, que merece unha sanidade pública forte e eficaz”, concluíron desde a formación nacionalista. O BNG agradeceu a ampla participación na mobilización e reafirmou que seguirá impulsando accións para reverter o deterioro da sanidade pública na comarca da Barbanza.

Deja un comentario