O Goberno municipal aproba o primeiro paso para a licitación conxunta dos centros deportivos do Castrillón e San Diego e da piscina de Santo Amaro
O Concello adxudicou hoxe a obra de reurbanización dos Cantóns, Fase Cero da nova fachada marítima da cidade. As actuacións executaranse nun prazo de 20 meses, catro menos dos recollidos nos pregos, por unha UTE formada por Abeconsa e Canarga. As actuacións terán un custo de 7.434.766 euros, o que supón unha rebaixa próxima ao 9% con respecto ao orzamento de licitación.
Os traballos, indicou a alcaldesa Inés Rey, darán comezo nos primeiros meses do ano 2025 e permitirán a renovación integral dos Cantóns entre o Obelisco e a praza de Mina, reforzando o seu carácter peonil e aumentando a calidade urbana coa creación de novas zonas verdes e arboredo.
“A actuación provisional que fixemos durante a pandemia nos Cantóns demostrou que existía unha demanda real de espazo para as persoas nun dos puntos máis transitados da cidade, por iso faremos definitivo agora o que entón foi unha experiencia provisional”, indicou Inés Rey.
As obras executaranse segundo o proxecto realizado polos arquitectos José Manuel Vázquez e Carmen Calatayud. Nos últimos días saíu tamén a concurso a dirección de seguridade e saúde de ditas obras, coa intención de axilizar a posta en marcha dos traballos.
A renovación dese espazo, que suporá también actuar en Entrexardíns, permitirá crear a nova porta de acceso aos peiraos, a Fase Cero da renovación da fachada marítima coruñesa, espazo que xa ten uso público desde o anterior mandato.
Inicio do procedemento de licitación de San Diego, O Castrillón e a piscina de Santo Amaro
Por outra banda, a Xunta de Goberno Local aprobou tamén o informe de viabilidade económica dos centros deportivos de San Diego e O Castrillón, ao que se suma a piscina de Santo Amaro. O informe de viabilidade é o primeiro paso a para a licitación conxunta dos tres recintos.
O estudo confirma a viabilidade de dita explotación. Ábrese agora un prazo dun mes de exposición pública. Transcorrido o prazo remitiranse os pregos á Oficina Nacional de Evaluación (ONE), un paso preceptivo mais non vinculante. Cando o organismo estatal emita a súa avaliación, o Concello, ao longo do ano 2025, licitará o servizo.
A licitación dos recintos, que contan con máis de 6.000 usuarios no seu conxunto, facilitará a renovación das instalacións e equipamentos en cada un deles e facilitará unha homoxeneidade do servizo, unificando tarifas e oferta deportiva.
“Tiñamos o compromiso de licitar os nosos centros deportivos e facelo da mellor maneira para que foran máis eficientes e lle deran mellor servizo aos cidadáns. Co novo modelo de xestión o servizo mellorará notablemente e poderán beneficiarse del aínda máis persoas”, indicou Rey.
Melloras de mobilidade nas rúas de San Pedro de Visma
Tamén este venres, a Xunta de Goberno Local aprobou o proxecto correspondente ao plan de actuacións a executar en San Pedro de Visma para mellorar a mobilidade en diversas rúas do núcleo, onde o Concello ten previsto actuar para crear itinerarios peonís máis accesibles, reordenando tamén os espazos de paso para o tráfico rodado e as áreas de estacionamento, aproveitando para reforzar a sinalización horizontal e tamén acometendo tarefas para canalizar o saneamento e rede eléctrica.
A previsión do Goberno de Inés Rey é intervir nas rúas Pedreiras, Río, San Pedro de Visma, Costa e Barral, así como na plataforma que sobrevoa a Terceira Rolda, diferenciando entre zonas de uso vehicular (ZUV), zonas de uso peonil (ZUP) con itinerarios peonís e tamén de áreas de estadía. “Isto permitirá adaptar os viarios de San Pedro de Visma aos fluxos de mobilidade do barrio e tamén ás necesidades da veciñanza, porque é preciso ampliar as beirarrúas, renovar os pavimentos, crear novas prazas de estacionamento para persoas con mobilidade reducida e mellorar os espazos públicos”, explicou a alcaldesa.
O investimento previsto, atendendo ao informe técnico do proxecto, é de máis de 250.000 euros. Desta forma, o Concello avanza no seu plan para remodelar e adaptar os espazos públicos de Visma e a súa contorna, mellorando a accesibilidade e reforzando a seguridade viaria, ao igual que xa está previsto facer ao longo da estrada dos Fortes, que conecta Visma cos Rosales.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.