A secretaria xeral de Igualdade participou na inauguración dunha xornada organizada pola Asociación de mulleres con discapacidade de Galicia
A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, destacou hoxe a necesidade de sensibilizar e concienciar sobre a violencia contra as mulleres con discapacidade.
López Abella participou na inauguración da xornada técnica sobre a violencia específica contra as mulleres con discapacidade, organizada pola Secretaría Xeral de Igualdade xunto coa Asociación de mulleres con discapacidade de Galicia, Acadar.
A secretaria xeral de Igualdade lembrou a necesidade tamén de visibilizar as capacidades e necesidades das mulleres con discapacidade e sensibilizar á sociedade no seu conxunto, así como fomentar a empatía e coñecemento da realidade destas mulleres e facilitar aos profesionais información e formación sobre a realidade e necesidades específicas das mulleres con discapacidade vítimas da violencia de xénero.
A representante autonómica destacou algúns datos da Macroenquisa de Violencia contra a Muller 2015, publicado polo Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, na que se recolle que en total, un 20 das mulleres con discapacidade teñen sufrido violencia física e/ou sexual por parte dalgunha parella ou ex parella e que un 29,5% das mulleres con discapacidade sufriu violencia psicolóxica de control por algunha parella ou ex parella.
Susana López Abella puntualizou que, pese ás dificultades específicas deste colectivo, cando se analiza a saída da violencia de xénero obtéñense resultados moi similares para todas as mulleres. O 65% das mulleres con discapacidade deixou a súa relación debido á violencia exercida pola parella, fronte ao 70% para as mulleres que non a teñen. Ademais, segundo indicou, as mulleres con discapacidade que sufriron violencia física, sexual ou medo denuncian os feitos á policía ou ao xulgado, e acoden a servizos formais de apoio (psicólogo, médico, axuda legal, etc.) e a persoas do ámbito (nai, irmá, por exemplo) na mesma medida que as mulleres sen ela
Esta xornada, que contou coa participación de 150 asistentes, enmárcase no peche do programa “Descubre a nosa realidade”, unha inicitiva de sensibilización e prevención da violencia e xénero contra as mulleres con discapacidade. No marco dese proxecto, a asociación Acadar levou a cabo diversas accións durante o ano 2015, así como a elaboración do Caderno Didáctico: “Violencia contra as mulleres con Discapacidade”: Ver e coñecer os sinais”, que tamén foi presentado durante e xornada.