Sunday 22 de December de 2024

O VII Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro recae en Óscar Reboiras


Unha trintena de textos concorreron á sétima edición do Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro. A distinción recae neste 2024 en Cando o mundo é azul, da autoría de Óscar Reboiras Loureiro.

Marcos Calveiro, director de edicións de Galaxia; Pilar Sampedro, vogal da A. C. Barbantia; e José Luis Baños, gañador da sexta edición, conformaron o tribunal encargado de toma-la decisión tras analiza-las obras presentadas.

En representación do xurado, Calveiro manifesta que o ditame se toma por unanimidade e destaca a “escrita con sinxeleza e sensibilidade” que aborda os temas da diversidade, o amor, a interxeracionalidade e a redención nunha obra apta para un abano moi amplo do público infantil, que interpela directamente a intelixencia do lectorado. A historia estrutúrase arredor das relacións familiares, en que unha nai e seu fillo recuperan a figura dun avó ausente.

Reboiras xa publicou na obra colectiva Liñas compartidas (2019), o ensaio O cronista imposible: a obra periodística de Wenceslao Fernández Flórez (2019) e a novela A agonía das folerpas (2022). Tamén conta con galardóns en distintos certames.

O premio conta cunha dotación económica de 3.000 euros, a publicación na colección Árbore da dita editorial e o repartimento de exemplares entre a rapazada da localidade, tal e como explica a concelleira da Cultura, Patricia Lojo. “Este certame continúa enriquecendo o catálogo de libros en galego para as xeracións máis novas e que así se vaia instaurando o hábito lector na súa rutina diaria”, engade a edil.

Deste xeito, o nome de Óscar Reboiras queda ligado ao de Carlos Mosteiro e ao dos/as autores/as das edicións previas: Patricia Mallo, con Os Fantom; Xosé Antonio Neira Cruz, con O enigma do baúl pechado; a terceira edición quedou sen adxudicar, por se estimar que ningún dos textos acadaba a suficiente calidade literaria; repetiu Neira Cruz, con Por mor de cinco pizzas aos catro queixos; María Canosa, con Teño un volcán dentro; e José Luis Baños, con Fóra de xogo.

Convocado polo Concello da Pobra do Caramiñal, a Editorial Galaxia e a A. C. Barbantia, este eríxese como un dos premios galegos de referencia na literatura infantil galega que busca promove-la produción literaria e homenaxea-lo escritor falecido en 2017.

Coincidirán a entrega do premio e a presentación do libro nos vindeiros meses.

Deja un comentario